800 persoas da comarca do Carballiño participan na segunda parte do estudo de seroprevalencia fronte á Covid-19
Un total de 800 persoas residentes nos nove concellos da comarca do Carballiño, seleccionadas aleatoriamente polo Instituto Galego de Estatística, están chamadas para participar nesta segunda quenda do estudo de Seroprevalencia que realiza o Sergas para coñecer a circulación do virus entre a poboación galega.
Os test comezaron a facerse dende este pasado lúns, e unha vez que remate esta segunda parte do estudo, o 5,8% do total da poboación comarcal terá participado voluntariamente neste estudo, xa que ás 800 persoas que o fan agora, hai que sumar as 755 que xa o fixeron anteriormente no pasado mes de Maio.
Nesta segunda quenda, do total das 800 persoas seleccionadas, 461 residen no municipio do Carballiño, 207 viven nos concellos de Punxín, San Amaro, Maside, O Irixo, Boborás e Beariz, e finalmente, 132 persoas son veciñas dos municipios de Piñor e San Cristovo de Cea.
Na primeira parte deste estudo epidemiolóxico 10 persoas das que participaron deron resultado positivo na comarca do Carballiño.