A activación de descontos no transporte público incrementou un 30% os usuarios na estación de autobuses do Carballiño
O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, comprobou esta mañá no Carballiño o bo funcionamento dos descontos que o Goberno activou no transporte público terrestre desde o 1 de setembro.
O subdelegado valorou o impacto desta decisión na provincia de Ourense, onde o autobús ten unha importancia estratéxica pola dispersión poboacional. Emilio González puxo en valor o desconto do 50% do prezo do billete do que gozan os usuarios, do que a maior parte, o 30%, está custeado polo Goberno de España, mentres o 20% restante é complementado pola comunidade. “O Goberno está a sufragar a maior parte do desconto nestes transportes que son de competencia e titularidade autonómica”, recalcou o subdelegado.
“Son xa miles de cidadáns e miles de familias en Ourense as que se están beneficiando dun gran aforro en transporte cada mes”, manifestou o subdelegado, que estivo acompañado na visita polo alcalde do Carballiño, Francisco Fumega. Desde que se aprobaron estas axudas, o incremento de usuarios do transporte en autobús desde O Carballiño aos distintos destinos de Galicia foi do 30%. Máis da metade dos viaxeiros que saen da estación do Carballiño (o 60%) utiliza o autobús para desprazarse á capital da provincia.
Emilio González remarcou a importancia de paliar a inflación e os efectos da crise enerxética derivada da guerra de Putin. “Estamos xunto ás familias, xunto aos traballadores e traballadoras, co conxunto da cidadanía, para afrontar xuntos os efectos da subida de prezos”, manifestou.
O desconto do prezo do autobús interurbano e do urbano, nos municipios adheridos á medida, compleméntase coa gratuidade dos abonos de tren en todas as liñas que conectan as estacións de Galicia, tanto Proximidades, como Media Distancia e tamén Avant, que conecta Ourense con Santiago e A Coruña.
O subdelegado animou á cidadanía da provincia para aproveitar o transporte público para aforrar e para mellorar a mobilidade e reducir a dependencia enerxética.