Adolfo Nogueira defende a xestión ao fronte da Policia Local, mentres o Partido Popular anuncia que levará este asunto ao pleno da corporación municipal
O concello do Carballiño remitirá unha solicitude á Xunta de Galicia para poder convocar dúas novas prazas de Policía Local, alegando unha situación de excepcionalidade.
Así o anunciou hoxe o concelleiro de Seguridade, Adolfo Nogueira, durante unha comparecencia de prensa na que informou das circunstancias que xustifican esta petición.
En primeiro lugar, "estas novas prazas xa están contempladas, e en segundo lugar, hai un número insuficiente de axentes para formar patrullas coas que cubrir nalgunha ocasión todas as quendas".
Así, subliñou Nogueira, dos 16 axentes que conforman a plantilla da Policía Local, hai 2 que están en segunda actividade, realizando labores administrativas noutros servizos; hai outros 2 axentes de baixas prolongadas; o xefe e o adxunto coordinan e fan distintas funcións pero non forman parte das patrullas, e, ademáis, están os permisos por descanso, vacacións, asuntos própios e horas sindicais.
En consecuencia, resulta moi difícil garantir patrullas na rúa as 24 horas do día, 7 días á semana e 365 días ao ano, polo que é absolutamente necesario convocar esas prazas previstas, segundo afirmou o concelleiro.
Ainda así, Adolfo Nogueira quixo tranquilizar aos veciños e veciñas do Carballiño, asegurando que non hai ningún motivo de alarma, tal e como se pode desprender dalgunha recente declaración pública, senón que O Carballiño conta cun dos ratios provinciais máis baixos en materia de seguridade.
Así, con respecto á crítica pola falla dunha patrulla unha tarde, o servizo estivo cuberto por un axente, que é ademáis, cabo, e resolveu unha situación dun aparcamento improcedente diante dun vado, segundo dixo o concelleiro, que engadiu: en todo caso, sempre hai un retén, formado polo xefe e o adxunto á xefatura da Policía Local, para calquera incidencia. E isto, sen contar coa Garda Civil, que está de garda permanentemente.
Nogueira advertiu que a situación heredada con respecto á Policia Local era moi deficiente, e que nestes oito meses que levan no goberno se estaba intentando poñerlle remedio.
E puxo como exemplo tres iniciativas que estaban en marcha: A elaboración dun convenio regulador da Policía Local do Carballiño, unha RPT e a convocatoria de 2 novas prazas. Tres cuestións absolutamente inéditas nos catro anos anteriores asegurou.
O concelleiro lamentou a postura do Partido Popular, que a inicios desta semana denunciou que O Carballiño estivo sen quenda de tarde na Policia Local este pasado lúns, "cunha nota de prensa insidiosa e cargada de maldade de Marnotes, que denota o pouco que aprendeu no seu paso pola alcaldia".
O Partido Popular levará este asunto ao pleno da corporación municipal
Os populares incidiron, tras a comparecencia de Adolfo Nogueira, na necesidade de que se convoque unha reunión de portavoces para tratar a situación que vive o servizo de Policia Local, e advierte que "no caso de que non se convoque de forma urxente, tal como xa se solicitou este pasado dia 1 de marzo, este asunto será trasladado por medio dunha moción en sesión plenaria ou en pleno extraordinario co seu debate correspondente"