Adxudicadas as obras de mellora na carballeira do Campo, nas que investiránse 95.000 euros
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda adxudicou o mes pasado por un importe de 95.052,76 euros, IVE incluído, o contrato de rexeneración do conxunto de Santa María do Campo, no concello ourensán do Irixo. As obras sobre o terreo, das que se encargará a empresa Vipeca, Obras y Servicios, SL., empezarán en xaneiro e terán unha duración de aproximadamente cinco meses, segundo o prazo de execución que consta no contrato.
Todas as actuacións previstas teñen o obxectivo común de rexenerar o espazo público así como os bens que se asentan no mesmo, respectando as características e a esencia do lugar e o seu carácter eminentemente rural. Partindo desta premisa, os tres obxectivos da solución proposta pasan por primar a continuidade do espazo público, conservar e manter os principais elementos que o compoñen, tales como o cruceiro, a antiga escola unitaria ou a carballeira central, e mellorar a infraestrutura pública para a dotación dos servizos esenciais. Así, rexenerarase o espazo central da carballeira, recuperando e saneando o arborado e redirixindo a circulación peonil e impedindo a circulación de vehículos polo seu interior.
Ademais, substituiranse aqueles exemplares de especies foráneas por carballos de gran porte e outros novos que lle devolvan fortaleza ao conxunto. Ademais, xunto á antiga unitaria, que actualmente se utiliza como tanatorio, crearase un espazo aberto cuberto que permita a xuntanza de xente, unha peza de volume e dimensións acordes ás do edificio adxacente. En canto ás instalacións relacionadas cos servizos, como o alumeado público, o tendido telefónico ou as liñas de baixa tensión serán conducidas de forma subterránea para minimizar a súa presenza e o impacto na contorna.
A iluminación urbana, así mesmo, resolverase empregando dúas pequenas luminarias de parede pero que ofrezan luz suficiente. Santa María do Campo é un punto de encontro para a veciñanza e un dos lugares nos que se materializan parte dos acontecementos máis relevantes da vida en común do Irixo, como as celebracións festivas, procesións e romarías.