A alcaldesa de Boborás valora "moi positivamente" a entrevista co presidente da Xunta, na que se abordaron diversos proxectos estratéxicos para o municipio
A alcaldesa do Concello de Boborás, Patricia Torres, valora moi positivamente a reunión mantida semanas atrás co Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoó en sede parlamentaria para trasladarlle a solicitude de colaboración en futuros proxectos do municipio, nos que o Goberno Local está a traballar, como é o caso dunha piscina municipal.
"Neste sentido Núñez Feijoó, comprometeuse a estudar a posibilidade de colaboración co Concello de Boborás para a construción da mesma", asegura a alcaldesa.
Patricia Torres, tamén lle deu traslado das modificación do PXOM que están en marcha como a modificación puntual na Almuzara e no solo industrial, e explicoulle que no 2020 o Concello promoverá un Plan Parcial no solo dotacional existente nunha finca de propiedade municipal para logo a construción de vivendas de protección autonómica.
Ademais, esta reunión tamén serviu para un contacto directo entre a recen elixida alcaldesa, por maioría absoluta nos anteriores comicios municipais, co responsable máximo da administración autonómica e así darlle traslado de cal é "a liña de traballo na que se está enfocando este mandato; no que ademais de garantir os servizos xa prestados e melloralos, así como o mantemento das infraestruturas existentes como a mellora das mesmas e tamén de nova construción, agradecendo a colaboración que a Xunta de Galicia lle presta a este concello, referendado en diferentes convenios como a Senda Peonil, a humanización da rúa Cristóbal Colón de Boborás e o edificio sociocultural entre outros",subliña a rexedora municipal de Boborás.