"Amoras" da emprendedora masidá Ana Rodriguez gaña o premio "Comercio Emprende" que concede a Xunta de Galicia.

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, clausurou hoxe a entrega dos Premios do Comercio Galego 2025 nun acto no que se aproveitou para presentar en sociedade a nova imaxe do Comercio Galego, coincidindo ademais co arranque dunha nova campaña autonómica para darlle un pulo ao sector. González cualificou a cita —na que tamén estiveron a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, e a xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, Sol Vázquez— como unha oportunidade idónea para visibilizar un sector clave para a economía galega, caracterizado pola súa riqueza e diversidade ao servizo da cidadanía e en beneficio da dinamización das cidades e vilas, con especial fincapé no rural.
Na súa intervención, o conselleiro puxo en valor o bo facer dos negocios recoñecidos cos Premios do Comercio Galego 2025. Así, das compostelás Creativas Galegas (Premio Comercio Galego), destacou o seu Mercado Galego da Creatividade, por promover o traballo artesán cooperativo mostrando as pezas de máis de 300 profesionais. Mentres, da lucense Panadería Pallares (Premio Comercio Traxectoria) salientou que teña a quinta xeración familiar ao cargo e que soubera modernizarse co paso do tempo con iniciativas como un museo etnográfico do pan.
Sobre o Premio Comercio Emprende, valorou que Amoras da eprendora masidá Ana Rodríguez —tras coller o testemuño dunha froitaría— teña tres tendas abertas no Carballiño e Maside e se distinga por proxectos orixinais como un fruit track ou arranxos de froitas para eventos.
En canto ao Premio Comercio Dinamización, felicitou a Viveiro Centro Comercial Histórico pola súa campaña Escolle o teu empregado do mes, pola orixinalidade e acerto de recoñecer —dixo— a todas aquelas persoas que están en contacto directo coa clientela e, por último, louvou que Arroupa vexa recoñecida co Premio Comercio Sostible a súa aposta pola inserción laboral a través da transformación de roupa usada.
O titular de Comercio resaltou as achegas de todos e cada un dos premiados e finalistas a un sector comercial forte, moderno e competitivo capaz de adaptarse ás novas tendencias e demandas das persoas consumidoras. Animounos a seguir por esa senda co apoio da Xunta para que se estenda o seu exemplo e se siga xerando riqueza e emprego, ademais de vertebrando o territorio e fixando poboación.
Nova imaxe do Comercio Galego