Apedrean de noite a sede do PSOE no Carballiño, desde a Agrupación Local lamentan este acto e agardan que os autores sexan identificados

15, Febreiro 2025

A Agrupación Local do PSdeG-PSOE ven de denunciar que a súa sede, na rúa Perfectino Viétez do Carballiño, sufríu importantes desperfectos na madrugada deste sábado tras ser apedreada.

A cristaleira, que antigamente era un escaparate, apareceu rota e unha pedra de grandes dimensíóns á beira.

Asemade, o personal de limpeza municipal retirou restos de botellas que supostamente tamén foron lanzadas contra a fachada da sede comarcal socialista.

A dirección local difundíu un comunicado no que manifesta a súa intención de denunciar os feitos ante a Policia Local "agardando que os autores deste acto vandálico poidan ser identificados e sancionados".

Desde O PSdeG-PSOE carballliñés proclaman que non se van amedrentar por esta agresión "senón todo o contrario, cada agresión reafírmanos que estamos no camiño correcto e que os violentos non teñen cabida nesta sociedade".

Finalmente, fan un chamamento á reflexión "a aquelas formacións políticas que teñen na confrontación e a mentira o seu facer diario, dándolles azos aos violentos".