Aphonic e Hamlet lideran un cartel de luxo para a IV edición do Festival "A Desfeita"
A asociación cultural carballiñesa “Galicia Enxebre” volve a organizar por cuarto ano o festival A Desfeita, que nesta edición contará cun cartel de auténtico luxo, pois o lideran dous dos grupos de referencia da música rock en Galicia e España, como son Aphonic e Hamlet, respectivamente. Ademáis, tamén figura un dos grupos punteiros de Ourense, Maskarpone, así como os grupos carballiñeses Nube Kingston e SusieQs. E pechan o cartel os grupos Aixadón e Pechaduras.
O evento foi presentado esta maña no concello do Carballiño nun acto ao que asistiron o concelleiro de Cultura, Diego Fernández; o presidente da Asociación Galicia Enxebre, Martín Bardelás, e Carlos Peteiro.
O festival celebrarase o sábado 29 de xuño na finca As Barcias do parque municipal do Carballiño. Comezará ás 7 da tarde e rematará arredor das 4 da madrugada. A apertura de portas será ás 6 da tarde.
As entradas poden adquirirse de xeito anticipado ao prezo de 10 euros en www.woutick.es ou físicamente nos seguintes locais:
No Carballiño, na Bodeguilla e Cafetería Copacabana.
En Ourense, no Bar Chiripa, Experiencia Natural (Grow Shop) e Bar Faíscas.
En Vigo, na Cervería Miguel (Canido).
O prezo da entrada na taquilla o día do festival será de 12 euros.
Diego Fernández felicitou á asociación Galicia Enxebre por conformar un cartel digno dos mellores festivais de música rock de Galicia, e sobre todo por conseguir consolidar esta oferta cultural que sitúa ao Carballiño nun lugar destacado da provincia e Galicia. Por isto, animou á mocidade carballiñesa e da comarca a adquirir as entradas e asistir ao evento.
Martín Bardelás agradeceu a colaboración do concello e das empresas patrocinadoras, e destacou a importancia desta cita da música rock, que cualificou de moi importante a nivel provincial e galego. Resaltou a gran categoría do cartel conformado por sete grupos, un de referencia nacional, como é Hamlet; outro de referencia galega e nacional, como son os vigueses Aphonic, así como o gruo ourensán Maskarpone e os locais Nube Kingston e Susie Qs, entre outros.
Pese ao orzamento do festival, que ronda os 7.000 euros, Bardelás incidiu nos prezos populares tanto da entrada como da barra do bar que haberá no recinto da finca de As Barcias, polo que animou á xente a adquirir as entradas de xeito anticipado por internet ou de modo físico nos locais anunciados.