Aquí podes acceder ao autotest do coronavirus, que pon a disposición da cidadanía o Sergas

17, Marzo 2020

A Consellería de Sanidade vén de publicar, a través da páxina web https://coronavirus.sergas.gal, que o Servizo Galego de Saúde dedica de xeito exclusivo ao coronavirus, un autotest para que a cidadanía poda consultar síntomas e resolver dúbidas relacionadas con esta enfermidade.

Coa posta en marcha deste test interactivo, elaborado por persoal sanitario, proporciónase á poboación un sistema áxil e inmediato no que atopar información actualizada sobre cuestións relacionadas co coronavirus. Ademais o feito de que o test personalice as respostas, a través de preguntas concretas, permite ofrecer recomendacións adaptadas á situación particular de cada persoa.

Esta nova ferramenta de información e consulta, súmase a outras iniciativas relacionadas coa atención a esta enfermidade, xa postas en marcha desde Consellería de Sanidade, como o teléfono gratuíto 900 400 116 que nestes días incrementou a súa demanda asistencial ata nun 60%.

O test, que está dispoñible en galego e castelán, presenta catro entradas que formulan as diferentes situacións que poden estar a vivir as persoas que o realizan, así como información sobre as dúbidas máis frecuentes acerca de temas relacionados co coronavirus. No primeiro lugar está a opción para as persoas que teñan síntomas e que estean preocupadas porque cren que poda deberse ao coronavirus. Neste caso a través do recoñecemento dos síntomas que presenta a persoa (tose, dificultade para respirar, febre maior de 38º ou sen síntomas) e a través dun sinxelo interrogatorio danse recomendacións ou se indica como acceder ao sistema sanitario para que sexa atendido por profesionais sanitarios.

A segunda entrada é para aqueles que se atopan illados ou confinados na casa. Neste caso, danse unha serie de indicacións sobre o que deben facer mentres permanezan na súa vivenda. Tamén se indica o que deben facer no caso de que estean pendentes de que se lle tomen as mostras para saber se están contaxiados, no caso de que estean á espera dos resultados das mesmas ou se empeorou a súa clínica desde o confinamento.

A terceira entrada informa a aqueles que deran positivo nesta enfermidade e ofrece as recomendacións a seguir mestres estean confinados ou no caso de que a súa clínica empeorase desde que permanecen no domicilio. Por último, a cuarta entrada ofrece información sobre as dúbidas máis frecuentes acerca de temas relacionados co coronavirus.

Cómpre recordar que o novo coronavirus transmítese principalmente por vía respiratoria e polo contacto directo con secrecións respiratorias e que na maioría dos casos a infección por esta enfermidade é similar a un arrefriado común.

A Consellería de Sanidade solicita, unha vez máis, que se empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella chamar os seus centros de saúde ou utilizar o número gratuíto 900 400 116, que vén de ser reforzado con máis persoal, para facilitar información xeral sobre o coronavirus. Neste número, pódense resolver as dúbidas dos cidadáns ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Para acceder ao autotest sigue a ligazón: https://coronavirus.sergas.gal