Arenteiro e Carballiño F.S. reciben serios correctivos nos seus desplazamentos
Fin de semana para esquecer para os equipos máis representativos do deporte carballiñés, ambos resultaron goleados nos seus respectivos desplazamentos. O Arenteiro colleitou unha incontestable derrota por catro goles a cero na súa visita á parroquia canguesa de Aldán, onde se atopou cun Rápido Bahía moi superior desde o principio ó remate do partido, os cangueses non deron opción a un Arenteiro outra vez incapaz de crear nin xiquera unha ocasión de gol. O recén ascendido Rápido Bahía, dando unha lección de fútbol moderno, borrou do campo ós carballiñeses, que volveron estar apáticos e sen ideas do qué facer no campo. Un caos na defensa e unha parsimonia total no resto do equipo explican unha derrota que só as boas intervencións do porteiro Iván González evitaron que o resutado fora aínda máis escandaloso. O Arenteiro, que xogou a última media hora con dez pola expulsión por doble amarela de Oliveira, volveu amosar a súa pior cara desta tempada, desta vez esqueceuse incluso que non xogaba en Espiñedo.
Tampouco foron ben as cousas para o Carballiño F.S, no seu desplazamento ó lider da categoria. O Parrulo do Ferrol endosou un severo 8-2 ós carballiñeses, un excesivo castigo para o visto na cancha, e truncando así a case inmaculada marcha do equipo de Colmenero nesta competición da primeira A do fútbol sala. Malia esta derrota, o Carballiño F.S. conserva a segunda posición na táboa clasificatoria, a cinco puntos do lider.