Arquivada a imputación do alcalde de Cea que "felicítase polo auto xudicial e espera unha rectificación dos que pediron a súa demisión"
A xustiza non ve indicios de que o alcalde de Cea, José Luis Valladares, esixira un soborno, tal como afirmara o empresario de "Las 5 Jotas", que no seu dia asinara un convenio co concello de San cristovo de Cea para ubicar esta empresa no parque empresarial do Fondo de Cea.
A titular do Xulgado nº 1 do Carballiño, que decretou o arquivo do procedemento tamén concluíu que non se observou nin se pudo acreditar un "enriquecemento anormal" do alcalde ceano.
Comunicado da alcaldía de San Cristovo de Cea
O pasado día 24/06/2014 o Xulgado de 1ª Instancia e Instrución do Carballiño decretou o arquivo do procedemento que por suborno se iniciara de oficio contra o Alcalde e o Secretario Municipal, en virtude do testemuño remitido polo Xulgado n.º 5 de Vigo que xulga o denominado caso das 5 Jotas, e que supuxera a imputación do Alcalde e o Secretario Municipal.
En auto de arquivo a Maxistrado-Xuíz sinala a falta de indicios racionais da comisión do delito que se imputaba, argumento que igualmente destaca a fiscalía no seu informe, salientando esta que das dilixencias practicadas unicamente se deriva unha controversia relativa ao cumpro dos convenios subscritos entre o Concello e a empresa que, en todo caso, se debería tramitar na xurisdición contencioso-administrativa.
Esta Alcaldía lamenta o tratamento dado á denuncia dun suxeito implicado nun dos procedementos mais graves de branqueo de capitais que se deu en Galicia, e que supuxo poñer en dúbida a honestidade deste Alcalde e do Secretario Municipal cunhas acusacións tan graves como falsas, que agora os tribunais descartaron ante a absoluta falta de indicios, ao tempo que cinguen a actuación municipal á esixencia por parte do Concello á empresa do cumprimento das obrigas derivadas dos convenios subscritos como requisito para que esta puidese inscribir rexistralmente a parcela obxecto destes.
O Concello de San Cristovo de Cea actuou neste expediente, como en todos, suxeitándose aos procedementos legais e defendendo os intereses municipais, polo que, á vez que nos felicitamos polo auto xudicial, esperamos que aqueles responsables políticos que esixiron a dimisión do Alcalde dando pábulo e difundindo as acusacións dun delincuente, e atropelando a presunción de inocencia, procedan agora a presentar eles a súa renuncia, que é o que deberían facer se lles quedase o menor indicio de dignidade persoal e política.