Arranca a 4ª edición de "Músicas de Sofá" que se celebra os dias 3 e 4 de Agosto en distintos "salóns" do centro urbano
O ciclo, organizado polo Concello do Carballiño xunto coa Asoc. Musical Cultural O Tambor Colectivo, é un festival urbano onde os grupos actúan en distintos “salóns” ubicados no centro da vila. O obxectivo é achegar unha gran variedade de estilos musicais aos máis de 500.000 visitantes que se esperan neste 2018 durante as dúas semanas que preceden á celebración da Festa do Pulpo.
Tras o éxito das pasadas edicións, este 4º Ciclo de Músicas de Sofá consolídase xa como un dos festivais de referencia do territorio galego. Para iso a organización conta, como cada ano, con grupos musicais de primeiro nivel, de estilos tan distintos como o rock, a samba ou a música tradicional, entre outros. Esta calidade, unida é estética vintage dos escenarios e á accesibilidade dos mesmos fan dos concertos algo único.
Cinco referentes do panorama musical galego
Nesta edición o festival conta cun total de cinco grupos, referentes nos seus estilos dentro do panorama musical galego. Trátanse de Bala com Bala, cuarteto de bossa nova e samba; Trilitrate, cuarteto de música acústica e videocreación en tempo real; Davide Salvado, referente da música tradicional galega tanto nas nosas fronteiras como fóra delas, ou Oie Trío, trío de jazz composto por guitarra, saxo e contrabaixo; pechará o ciclo És un árbol, grupo de rock absurdo que non deixan a ninguén indiferente, tanto pola música como polas letras.
Ademais, durante os dous días haberá dous salóns destinados aos dj's Chicotralla e Dj Aí, e como novidade , o sábado terá lugar a presentación do libro Mulleres de Gargamala, da man de “Arredor da Tradición”
“Vendo a acollida e progresiva calidade do evento, agardamos e confiamos en que cada ano a proposta será máis ambiciosa, chegando a converter o Ciclo de Músicas de Sofá nun dos festivais urbanos de referencia na Península”, declaran Anaïs e Pedro.
Venres 3 de agosto
Bala com Bala. Samba/Bossa/Jazz (Gz, Portugal)
20:30 hrs. Rúa Aldara
Baixo, cantante, batería e guitarra compoñen este cuarteto que en 2016 se xuntan en Lisboa para mesturar o jazz con outros estilos como samba ou bossa nova
Trilitrate (Vigo)
00:00 hrs. Praza Maior
Proxecto que abarca música acústica e viodeocreación en tempo real. Trátase dunha composición colectiva que ten como fin crear algo persoal e inédito. Desdebuxan as liñas existentes entre a composición e a improvisación, revelando influencias de estilos alonxados entre sí, como música clásica, improvisación libre, hardcore, ou o noise.
Sábado 4 de agosto
Davide Salvado. Tradicional (Gz)
13:00 hrs. Rúa Principal
Un dos artistas galegos con máis proxección tanto na península como fora dela. Ven de presentar o seu 2º álbum “Lobos”, mais desta volta virá ao Ciclo só acompañado das súas percusións, reinterpretando o repertorio vocal da música tradicional galega e peninsular
Oie Trío. Jazz (Gz, Francia)
20:00 hrs. Rúa Curros Enríquez
Cunha formación pouco habitual para un trío de jazz, este combo integrado por músicos residentes na área de Vigo presenta composicións orixinais e arranxos de standars dende unha perspectiva actual, sen esquecer a tradición.
Es un árbol. Rock absurdo (Gz)
00:30 hrs. Praza Maior.
Eles manifestan que practican “rock absurdo, pop marsupial e tarantella saudí”; teñen 2 discos no mercado , “La buena nueva” (2012) e “En el parlamento” (2014). Veñen aos Sofás a facernos vibrar, bailar e rir con temas como “Bambi nuclear”, “El fascismo es mi ley” ou “Un cardenal”
Chicotralla. (O Carballiño)
Venres 3 agosto. 21:30. Praza Aquilino Sánchez
Pinchadiscos ecléctico, baila entre músicas diversas; encaixa e desencaixa temazos populares con temas menos coñecidos. Para entendelo hai que ir velo.
DjAí. Djset (Nigrán)
Sábado 4 agosto. 21:30. Rúa Perfectino Vieitez
Un veterano das festas underground en Galicia, pinchou tanto en praias como en búnkeres. Desta volta ven aos sofás cargado de temazos “rompepernas”; crudo e cool: así son as súas sesións.
Arredor da Tradición. (Gz)
Sábado 4 agosto. 12:30. Rúa Principal
Presentación do libro Mulleres de Gargamala!Cantares de tradición oral.
A etnomusicóloga Xulia Feixoo e o compilador Guillerme Ignacio integran o grupo de traballo “Arredor da Tradición”, centrado na compilación, investigación e divulgación das músicas de tradición oral da Galiza. Froito deste traballo é o seu primeiro libro Mulleres de Gargamala!Cantares de tradición oral,no que debullan e comparten o saber das mulleres e a tradición anual da zona de Gargamala