A asociación de pulpeiros do Carballiño-Arcos elixe unha nova directiva co obxetivo de relanzar a súa actividade

7, Abril 2021

A Asociación de Pulpeiros do Carballiño-Arcos ven de designar una nova xunta directiva,que encabeza como presidente Roberto Pereira, ao que acompañan como vicepresidentes Jesús Pereira e Olivier Fernández. Como secreatria exercerá Maria Lage e como tesoureira Leticia Justo, completando esta nova directiva como vogais Enríque Carral e Marcos Lage.

Nesta nova etapa a directiva proponse potenciar a asociación, promover a integración do maior número posible de pulpeiros e pulpeiras do municipio carballiñés e defender os intereses dos asociados, tal e como se recolle nos estatutos fundacionais. Entre os obxectivos figuran asimesmo a posta en valor da marca “pulpeiros e pulpeiras do Carballiño-Arcos” como un referente da gastronomía máis xenuina e popular de Galicia. Neste senso, a nova directiva ten previsto desenvolver proxectos dirixidos a relanzar a asociación, e para os cales espera contar coa colaboración das institucións, en especial, do Concello do Carballiño, da Deputación Provincial de Ourense e da Xunta de Galicia.

Como herdeiros dunha tradición ancestral na elaboración do pulpo á feira, que non ten comparanza en ningún outro lugar, os integrantes desta directiva convidan a todos os pulpeiros e pulpeiras do Carballiño a implicarse coa asociación e participar na toma de decisións que contribúan a lograr melloras para esta actividade profesional tan arraigada no Carballiño, e máis concretamente, na parroquia de Arcos.