Augas de Galicia adxudica por 318.090 euros as obras de mellora do abastecemento municipal no concello de Leiro
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por 318.090 euros a execución das obras de mellora do sistema municipal de abastecemento do concello de Leiro.
O contrato, adxudicado á empresa Proyecon Galicia, S.A. e cun prazo de execución de 4 meses, ten como obxectivo resolver os problemas de funcionamento na rede de subministración de auga deste municipio, coa renovación do treito da tubaxe desde Pazos de Arenteiro, no concello de Boborás, á estación de tratamento de auga potable de Leiro.
Esta intervención forma parte do convenio asinado entre a Xunta e os Concellos de Boborás e de Leiro. Segundo ese acordo, a administración autonómica cofinanciará a actuación nun 80%, comprometéndose as entidades locais a realizar os trámites e a poñer á disposición os terreos necesarios, ademais de cofinanciar o 20% restante do importe das actuacións que corresponden cos seus respectivos servizos municipais.
Máis en detalle, a través da adxudicación deste contrato renovarase a tubaxe desde Pazos de Arenteiro, no municipio de Boborás, á estación de tratamento de auga potable de Leiro, co fin de resolver os frecuentes problemas de funcionamento que se producen neste treito de condución que abastece a potabilizadora e o depósito de Leiro.
O Concello de Leiro abastécese dunha captación situada no concello de Boborás, na canle de derivación do encoro de Albarellos. A auga trátase nunha estación de tratamento de auga potable existente no municipio de Leiro e distribúese a través dunha condución cunha lonxitude aproximada de algo máis de 7 quilómetros, dos cales máis de 4,7 se sitúan no termo municipal de Boborás e preto de 2,4 no municipio de Leiro.
Debido á antigüidade da condución que conecta a captación coa potabilizadora, son moi frecuentes as roturas, o que provoca faltas no subministro de auga á poboación.
Coas obras adxudicadas, executaranse as actuacións deseñadas por Augas de Galicia, coa renovación da rede municipal mediante a substitución da tubaxe existente e a instalación de ventosas para a eliminación do aire que se acumule na rede e válvulas de baleirado nos puntos baixos, coa finalidade de garantir o abastecemento á poboación.