Augas do Paraño investirá 7 millóns de euros para ampliar as súas intalacións, a Xunta ven de declarar o proxecto de interese autonómico
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou as instalacións da empresa Augas do Paraño, cuxo proxecto de ampliación acaba de ser declarado de interese autonómico por parte da Xunta. Segundo indicou, esta consideración vénlle dada pola relevancia deste sector e porque o proxecto contribúe ao desenvolvemento económico e social de Galicia cun impacto especial no medio rural, no concello de Boborás.
O proxecto prevé un investimento de 7 M€ para instalar novas liñas de embotellado de auga mineral: desmineralizada, en formato bag in box (bolsas cheas a presión e introducidas en caixas de tarxeta) e en envase de cristal. A ampliación das súas instalacións é, por tanto, unha necesidade estratéxica para a empresa, que poderá incrementar os niveis de envasado e distribución.
Augas do Paraño é unha empresa familiar de capital galego fundada en 2004. Conta con case unha trintena de empregados, factura máis de 2 M€ ao ano e distribúe a súa auga maioritariamente a Galicia pero tamén en Lleida, Tarragona, Valencia, Valladolid, León, Asturias e Biscaia. Dela, o vicepresidente económico destacou a súa aposta pola creación de emprego no rural e a súa “vocación por seguir crecendo”.
Na mesma liña, Conde destacou que é “un referente desde Ourense” dun sector do que Galicia ten recurso suficiente, posto que a Comunidade supera os 300 mananciais (o 15% dos 2000 que hai en España) e conta con dez plantas de envasado de auga mineral natural, que representan o 10% das 100 que hai en todo o país.