Avanzan as obras de construcción do 1º Spa de viñoterapia de Galicia, no mosteiro de San Clodio
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitaron as obras de rehabilitación do mosteiro de San Clodio de Leiro destinadas a converter a nave lateral deste edificio histórico no primeiro spa de viñoterapia de Galicia.
Nesta visita a San Clodio, estiveron acompañadas polo alcalde de Leiro, Francisco José Fernàndez Pérez, que exerceu de anfitrión.
Nava Castro lembrou que neste novo servizo turístico empregaranse produtos derivados da uva e do viño, entre outros elementos, para distintos tratamentos termais que formarán parte da oferta actual do Hotel Monumento de San Clodio.
Así, manifestou a directora de Turismo de Galicia que “este novo spa de viñoterapia será de gran atractivo, por un lado polo tipo de tratamentos que nel se ofrecerán e, por outro, pola súa propia arquitectura”. “Os usuarios gozarán do descanso nun edificio de máis de 500 anos de historia”, engadiu.
Este novo establecemento constará de vestiarios, tres salas de masaxe, dúas individuais e unha dobre, con tratamentos específicos de viñoterapia; unha sala de relax, unha sauna, un baño de vapor, duchas de contrastes, spa-piscina de 40m2 e zonas de descanso.