Avión homenaxea aos emigrantes na "VIII Festa Mexicana"
A festa, organizada polo Concello de Avión celebrase na súa octava edición o 27 de xullo, cunha variada programación de actividades que comezarán ás 8 da tarde e prolongaránse atá a unha da madrugada.
Este ano, dúas agrupacións de mariachis: Michoacán e Garibaldi farannos entoar de novo as típicas e coñecidas rancheiras. Música en directo para crear un ambiente acolledor, no que os asistentes se sentirán transportados a México. A iso contribúe tamén a asistencia de tres dos mellores restaurantes mexicanos existentes en Galicia: Chilam-Balam de Vigo, Mesón Mexicano de Tourón en Pontecaldelas e o Rincón Azteca en Carballiño.
Dende a edición de 2011 os carteis están dedicados a grandes personalidades das artes e as ciencias de México. O ano pasado o personaxe seleccionado foi Frida Kahlo; este ano o cartel está dedicado á figura do xenial humorista "Cantinflas".
Para os máis pequenos tamén haberá actividades. Poderán romper as típicas piñatas, e gozar dun inchable e un touro mecánico.
Este ano, e como novidade, algunhas das mulleres que participan no Taller de Pintura de Avión, expoñerán e poñerán á venda cadros con motivos mexicanos. Tamén haberá un posto no que se venderán piñatas feitas a man.
Dende o Concello de Avión invitan a todo o mundo a que se achegue a coñecer a nosa Festa Mexicana e con ela unha parte "chiquita" de México, de Avión, as súas xentes e os seus costumes. Se o que busca é un venres diferente e transportarse a México sen saír de Galicia, sen dúbida, esta é a súa festa.