Avión organiza a IV Andaina popular
A Ruta sairá da Praia Fluvial de Valderías facendo un traxecto circular, volvendo ao mesmo sitio, pero percorrendo a Ruta dos Canastros, nunha distancia aproximada de 17,7 quilómetros, estando todo o percorrido sinalizado e con dous puntos de control e avituallamento con auga, bebidas isotónicas e alimentos enerxéticos. A Andaina celebraráse o domingo dia 1 de xullo ás 8,30 da mañá.
Tras a saída da Praia Fluvial de Valderías iremos a Beresmo, chegando á zona coñecida como a Murada onde encontraremos os primeiros hórreos da ruta. Seguiremos por unha parte da zona vella e dende alí iremos ao Couto de Santa Eugenia para ver unhas vistas espectaculares do encoro de Albarellos, seguindo por unha das rutas de sendeirismo que ten habilitadas o Concello. Despois volveremos a Beresmo e iremos a unha eira na que se encontran 26 hórreos restaurados por un obradoiro de emprego, saíndo por Portocarro para coller un sendeiro que nos levará a Cendóns, onde veremos 2 eiras de hórreos tamén recuperadas. Por outro sendeiro rodeado de árbores e vexetación autóctona chegaremos a Cernadas, onde volveremos encontrarnos con máis hórreos antigos e dende aquí a Barroso, pasando polo coñecido como ponte Gabián, non sen antes admirar unha impresionante paisaxe co río Valderías ao fondo discorrendo entre montañas cheas de vexetación frondosa. Tamén poderemos ver o coñecido como "Pozo Negro", famoso pola súa profundidade. Unha vez en Barroso chegaremos a unha das eiras máis grandes de hórreos non só de Galicia senón de Europa, con 29 canastros restaurados. Dende aquí continuaremos por un vello camiño que nos conducirá finalmente de novo á Praia Fluvial de Valderías e con iso fin da Andaina.
Ao rematar, todos os participantes recibirán unha camiseta conmemorativa e darán boa conta dunha suculenta comida, ademais dalgunha sorpresa, para facer que unha xornada de exercicio e convivencia remate nunha gran festa.
O prezo da actividade é de 20 €.
O prazo para anotarse remata o próximo 25 de Xuño. Podes facelo no Concello de Avión, na Biblioteca Municipal, na Casa Vermella e no Pavillón Polideportivo.
Para máis información poden falar con Darío Vázquez, no teléfono 609.77.09.73