Balnearios, cidades e vilas, entre elas O Carballiño, crean a rede termal da Eurorrexión
Alcaldes, concelleiros e representantes das cidades, vilas e balnearios de Galicia e do norte de Portugal, integrados no Eixo Atlántico, acordaron constituir unha rede termal na Eurorrexión. A proposta cobrará viabilidade a través dunha comisión que estudiará un programa de actuacións e financiamento para que este novo foro do Eixo Atlántico sexa efectivo a finais deste ano ou comezo do próximo.
O acordo foi comunicado polo secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Mao, ao remate da reunión desenvolvida esta mañá no Carballiño a instancia do alcalde desta vila, Francisco Fumega.
A comisión estará formada por seis representantes de cidades, vilas e balnearios galegos e portugueses, que deberán presentar este programa no próximo mes de novembro para ser analizado noutra reunión que se celebrará na localidade porguesa de Chaves.
Precisamente, o presidente da cámara municipal desta cidade e presidente da Eurocidade Chaves-Verín, Antonio Cabeleira, referíuse ao enorme potencial termal que representa a Eurorrexión en canto á cantidade, calidade e diversidade das augas termáis con que conta esta área xeográfica.
Asemade, o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, agradeceu a asistencia a esta reunión, na que únicamente faltaron o alcalde de Mondaríz e a alcaldesa de Lugo, por problemas de axenda relacionados coa campaña electoral, pero que contou coa presencia de representantes de 12 concellos e 17 balnearios e termas de Galicia e norte de Portugal, así como do xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor, do secretario xeral do Eixo Atlántico e técnicos deste organismo. Asemade, acudiron alcaldes de vilas que non están integradas no Eixo Atlántico pero que contan con balnearios dunha gran sona, como é o caso do alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey.
Xoán Mao referiuse aos sete puntos estratéxicos nos que se ía basear esta nova rede termal da Eurorrexión: promoción dos hábitos saudables, investigación en colaboración coas universidades, promoción conxunta dos establecementos termais, fidelización do turismo en base aos 7 millóns de cidadáns que residen nas cidades e vilas do Eixo Atlántico, captación de recursos de financiamento con programas e plans europeos, formación e visibilidade dos recursos propios , tanto termais como históricos e patrimoniais.
Neste sentido, Mao chamou a atención sobre dous dos principias elementos de promoción turística de Galicia, como son a gastronomía e o termalismo, e destacou as dúas fortalezas coas que conta O Carballiño, localidade anfitriona desta primeira xuntanza, como son o pulpo e os balnearios, como principias recursos e reclamos para atraer ao turismo. Tamén loubou a experiencia da Eurocidade Chaves-Verín como un exemplo a seguir para acadar a excelencia da que hoxe gozan en Europa cidades balnearias como Budapest.
Finalmente, o secretario do Eixo Atlántico agradeceu a iniciativa do alcalde do Carballiño, que considerou de relevancia crear unha seccion de cidades e vilas termais no marco do Eixo Atlántico.
A esta reunión que se desenvolveu durante toda a mañá no hotel Arenteiro da vila carballiñesa, asistiron alcaldes, presidentes de cámaras municipais, concelleiros e outros representantes dos concellos de Lobios, Ourense, Ribadavia, Caldas de Reis e Verín, por Galicia, así como de Santa María da Feira, Guimaraes, Chaves, Vidago, Resende, Melgado e Santo Tirso, por Portugal. E, por parte das instalacións termais, representantes dos balnearios e termas de Lobios, Laias, Mondaríz, Lugo, A Chavasqueira, Outaríz, Presigueiro e Verín, por Galicia, e Sao Jorge, Taipas, Chaves, Pedras Salgadas, Vidago, Caldas de Aregos, Melgado e Caldas-Santo Tirso, por Portugal. Ademáis dos dous balnearios do Carballiño.