Boborás acolle ata o próximo sábado a 500 participantes na Peregrinaxe Europea da Xuventude a través do Camiño Miñoto-Ribeiro
As localidades de Ribadavia e Boborás acollerán desde o xoves, día 28, e ata o sábado, día 30, ás 500 mozas e mozos que chegados desde Portugal e diversos puntos de España participan na Peregrinaxe Europea da Xuventude a través do Camiño Miñoto-Ribeiro. Esta iniciativa, xunto coas actividades previstas para recibir aos peregrinos, foi presentada esta mañá no Pazo Provincial coa presenza do vicepresidente segundo da Deputación e responsable da cooperación cos concellos do Ribeiro, César Fernández; o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Miñoto-Ribeiro e alcalde de Cortegada, Avelino de Francisco; as alcaldesas de Ribadavia e Boborás, Noelia Rodríguez e Patricia Torres; e o presidente da Asociación de Amigos do Camiño, David González.
O apoio da Deputación de Ourense a esta iniciativa, sinalou César Fernández, “é unha mostra máis da estratexia que desenvolve o goberno provincial, xunto cos concellos implicados, para que esta ruta obteña a oficialidade por parte da Xunta de Galicia, destacando neste sentido que xa conta co recoñecemento da Igrexa, o permite conseguir a Compostela”. En termos semellantes expresouse Avelino de Francisco, afirmando que “este camiño xa é unha realidade”, ao tempo que repasou os pasos dados desde os inicios deste proxecto, en 1999, ata a constitución da asociación de concellos en 2014. Unha entidade que hoxe integran os 16 concellos polos que discorre o camiño, “perfectamente documentado e que esperamos que obteña despois do verán o recoñecemento oficial como Ruta Xacobea”.
Noelia Rodríguez agradeceu a elección de Ribadavia como “punto cero” desta peregrinaxe, “unha oportunidade única para poñer en valor o noso concello”. Patricia Torres, que agradeceu o apoio da Deputación, engadiu que esta ruta “ten unha gran riqueza natural, pero aínda máis importantes son os seus recursos patrimoniais, que fan que este camiño sexa único”. David González explicou que a Peregrinaxe Europea da Xuventude a través do Camiño Miñoto-Ribeiro comezará en Ribadavia, xa que desde este punto poderán percorrer os cen quilómetros que os separan de Santiago de Compostela e que dan dereito a obter a Compostela.
Desde Ribadavia sairán en dúas quendas os días 29 e 30, chegando na mesma xornada a Boborás. Nesta etapa ourensá e para agasallar aos peregrinos, procedentes de Portugal, Cataluña, Baleares, Valencia e Galicia, a asociación de amigos organizou unha serie de actividades. En Ribadavia, mañá xoves, día 28, poderán asistir ás 21.30 horas na praza maior a un festival de danzas tradicionais a cargo do grupo Castro Floxo da Deputación. A continuación, no auditorio do castelo celebrarase unha recepción oficial que incluirá a proxección do documental sobre o camiño Miñoto-Ribeiro, cuxa produción tamén contou co apoio da Deputación. Xa en Boborás, as mozas e mozos que participan nesta peregrinaxe poderán gozar dun espectáculo musical.
Ademais, a asociación de amigos desta ruta decidiu organizar un concurso fotográfico na rede social Instagram, onde baixo o título A foto do camiño distribuirán 1.000 euros en premios ás tres fotografías que reciban máis “me gusta”.