Boborás e Avión, entre os 9 concellos da provincia beneficiarios dun convenio Xunta-Deputación para a adquisición de maquinaria para limpeza de vias e faixas de biomasa

5, Decembro 2020

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o conselleiro de Medio Rural, José González, e os alcaldes de Avión -Antonio Montero- e Boborás -Patricia Torres- , xunto aos de Lobeira, Esgos, Oímbra, San Xoán de Río, A Teixeira, Trasmiras e Viana do Bolo, asinaron hoxe no parque de maquinaria da Deputación, no Polígono de San Cibrao das Viñas, nove convenios de colaboración entre as tres administracións -local, provincial e autonómica- para financiar a adquisición, por parte dos municipios, de maquinaria forestal para a limpeza de vías rurais e faixas de biomasa para previr incendios. O investimento total é de 900.000 €, sendo a Deputación de Ourense "o único dos gobernos provinciais galegos acollido a este convenio coa Consellería de Medio Rural, nun momento difícil como é o da pandemia pero no que a planificación e a previsión deben presidir a estratexia da nosa política", afirmou Manuel Baltar.

Segundo o acordo, Deputación de Ourense e Xunta financiarán a compra da maquinaria -tractores e rozadoiras- cun orzamento aportado ao 50 % polas dúas administracións. O obxectivo é incentivar e fomentar o mantemento e limpeza da maleza nas infraestruturas rurais de titularidade municipal e nas masas comúns de concentracións parcelarias de cada concello, así como a xestión da biomasa nas redes secundarias de faixas de xestión en terreos de titularidade municipal ou descoñecida.

Cada municipio contará cunha subvención de ata 100.000 euros para mercar un vehículo tractor e dúas rozadoiras -de arrastre e de brazo- coa finalidade de limpar matogueira. A achega é bianual, polo que os concellos poderán comprar dita maquinaria entre este ano e o que vén.

No acto, ademais de Manuel Baltar, o conselleiro e os alcaldes, estiveron presentes os directores xerais da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé, e o de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez.

O conselleiro do Medio Rural agradeceu a implicación da Deputación de Ourense na prevención dos incendios forestais e animou aos demais organismos provinciais galegos "a seguir o seu exemplo". Fíxoo tendo en conta os beneficios que este traballo comporta para a seguridade das persoas e dos bens, e porque a normativa contempla, entre as competencias das deputacións, a prevención e extinción de incendios naqueles concellos de menos de 20.000 habitantes.