Caballero resalta que "a xestión da covid feita polo concello do Carballliño, co seu alcalde á cabeza, é un exemplo para toda Galicia"
O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero achegouse ata O Carballiño para "respaldar o traballo que se levou a cabo dende o Concello do Carballiño, co seu alcalde, Francisco Fumega, á cabeza, porque defende á súa veciñanza e porque estivo á altura das circunstancias nun momento moi complexo".
“A xestión da covid feita polo Concello do Carballiño é un exemplo para toda Galicia”, destacou o máximo dirixente dos socialistas galegos, quen recordou que dedicaron “máis dun millón de euros” para afrontar esta crise sanitaria. A modo de exemplo, citou que se investiron “600.000 euros para axudar a autónomos, hostalería e comercio; 200.000 euros para fomentar o comercio local ou 60.000 euros para incentivar, a través das redes sociais, a actividade económica” do municipio.
Por último, Gonzalo Caballero comprometeuse a defender as demandas do Carballiño ante as distintas administracións, como a cuestión prioritaria da modernización do centro de saúde, que foi aprobada no Parlamento de Galicia a iniciativa da deputada socialista do Carballiño, Marina Ortega. “A Xunta debe cumprir coa sanidade pública na comarca de Carballiño”, remarcou.
Finalmente, Caballero e o alcalde Fumega abordaron outras cuestións en materia de seguridade vial e infraestruturas no concello, como a N-541.
“CORRESPONSABILIDADE” DAS ADMINISTRACIÓNS
Pola súa banda, o rexedor socialista Francisco Fumega instou a todas as administracións públicas a “ter corresponsabilidade” ante a situación que estamos a vivir. Así, recordou que “dende o municipalismo levamos anos amosando madurez” e, agora, no caso do seu municipio, dedica máis dun millón de euros “para mover a economía local”.
Neste senso, urxiu a “apostar por un modelo” que permita extender as axudas máis alá do sector da hostalería, xa que “hai xente que ten outros negocios” que “tamén se viron afectados polo peche e pola realidade da crise”. Fumega concluíu que o goberno municipal seguirá traballando ao servizo dos veciños e negocios do Carballiño.