"Carbaemprega" continúa a súa programación con cursos en novas tecnoloxías, búsqueda de emprego e prevención de riscos laborais

14, Novembro 2016

O Plan de Emprego prosigue co programa de formación dos 60 alumnos e alumnas seleccionados, segundo o calendario previsto para este mes de novembro e o de decembro. Precisamente, hoxe remata o curso de técnicas de búsqueda de emprego, que está distribuido en sete módulos, e mañá comezará un curso de prevención de riscos laborais, de 60 horas de duración. En canto remate este curso, procederase a impartir outro de soldadura e calderería de 100 horas de duración.

O primeiro curso que se levou a cabo, tras da presentación deste plan denominado “Carbaemprega”, o pasado 28 de outubro, estivo relacionado coas novas tecnoloxías e versou sobre iniciación á informática e elaboración de bases de datos, así como de currículos. Foi impartido na aula do CEMIT do concello.

O obxectivo deste plan, que foi impulsado pola concellería de Promoción Económica que coordina Adolfo Nogueira, e que conta co financiamento da consellería de Economía, é formar aos alumnos e alumnas para adquirir habilidades que lles permitan acceder a un posto de traballo. A prevision é que ao remate do plan se poida acadar o 40% de inserción laboral.

PRESENTACIÓN CURSOS POBOACIÓN XITANA

Na aula do Cemit tamén se presentou hoxe, coa presencia da concelleira de Benestar, Igualdade e Saúde, Marina Ortega, un curso sobre “adquisición e desenvolvemento de habilidades sociais e hábitos laborais” de 15 horas de duración, e outro de “Alfabetización dixital” de 15 horas de duración, dirixidos ao colectivo de poboación xitana do Carballiño. Estas actividades realízanse dentro do programa “II plan galego de inclusión social”, que promove a consellería de Traballo e Benestar, e que conta co cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e Fondo Social Europeo 2014/2020.