Carlos Ledo releva na dirección do Festival de Teatro Galego a Josi Lage, que continúa de programadora artística
A Asociación cultural FETEGA "deu a coñecer o relevo, onde o perfil buscado para a dirección requiría un profesional con ilusión renovadora pero sen perder a esencia actual, visión de xestión porque o evento ten que ser sostible, perfil conciliador libre de afiliacións políticas, que mantén as raíces do Carballiño pero cunha visión xeográfica moi ampla".
E manifestan nun extenso comunicado que "todo isto reúneo Carlos Ledo, ademais con coñecemento das novas tecnoloxías, experiencia na coordinación de equipos, xestión de proxectos e dominio da linguaxe teatral".
Segundo manifesta Josi Lage, a directora saínte: “é un momento emocionante, foron moitos anos nos que fun moi feliz, e onde houbo tamén suor e bágoas. Fixen o meu traballo o mellor que sei dando paixón e esforzo, e con grandes equipos detrás. Poñerse agora ao fronte do festival é algo moi valente, máis nestes tempos nos que hai que reinventarse.Deixar a un fillo na man de outro é deixalo voar, crecer... Estou feliz coa persoa que vai coller este relevo. Ambos eramos voluntarios ao inicio do festival, somos do Carballiño e amamos o teatro e a nosa vila. Eu agora preciso dedicarme a tempo completo á miña carreira profesional como actriz tanto audiovisual como de teatro, e tamén á familia.Carlos é novo, está moi ben preparado é coherente, ético, honesto e aberto. Houbo varias persoas candidatas, pero finalmente partimos das bases da filosofía do festival, e atopamos a alguén que cumpre todos os criterios. Unha persoa que xa tivo contacto co festival nas súas orixes, que ama o teatro e ama o galego. O festival queda en boas mans. Eu despídome como directora pero seguirei como programadora artística xa que non me deixan ir completamente".
Josi Lage maniféstase encantada de "ceder o cargo a unha persoa marabillosa, boísima, xenerosa e con moito talante, un amor de persoa, Carlos Ledo Vázquez. Estou convencida de que vai ser un éxito e fará crecer o festival aínda moito máis.Quero agradecer a todas as entidades públicas e privadas e ás persoas que están tras delas, que apoiaron e apoian ao festival, desde o goberno autonómico, deputación provincial e a administración local. Quédome co mellor das institucións, da empresa privada e das industrias culturais e dos comerciantes do Carballiño".
En palabras de Carlos Ledo, novo director do FETEGA "é unha responsabilidade grande e apaixonante especialmente para min, que lembro os inicios cando nin sequera se levaba aínda a palabra Festival. O festival evolucionou, sempre evoluciona, e penso no traballo de Xan Pinal nos seus inicios, e no liderado fantástico de Josi Lage nos últimos anos, nos nomes de tantas persoas, patrocinadores, voluntarios que traballaron durante estes trinta anos e aos que necesitaremos no futuro, na calidade da programación e ennovos retos",subliñou.