A casa da cultura acolle unhas xornadas dedicadas a poñer en valor a obra arquitectónica do bearicense Daniel Vázquez Gulias
As Xornadas Monográficas de Arquitectos que se desenvolven na Casa da Cultura do Carballiño comezaron cun recoñecemento ao valor da obra do arquitecto Daniel Vázquez-Gulías como unha parte importante do patrimonio arquitectónico ourensán e galego. Durante dous días, arquitectos, urbanistas, historiadores e deseñadores exporán algunhas das obras máis emblemáticas deste arquitecto nado en Bearíz, na comarca do Carballiño, autor, entre outros, dos proxectos arquitectónicos do balneario do Carballiño ou a igrexa parroquial de Santo Tomé de Maside.
Lucila Vázquez-Gulias, presidenta do Centro Cultural que leva o nome do arquitecto e que organiza estas xornadas, xunto co Centro de Estudios Chamoso Lamas, destacou no acto de presentación deste evento a necesidade de poñer en valor o patrimonio arquitectónico para evitar que desaparezan obras significativas como foron o Hotel Roma de Ourense ou o antigo Hotel Balneario de A Toxa, que foi un dos grandes proxectos de Daniel Vázquez- Gulías. Por iso, asegurou que estas xornadas tiñan como obxectivo concienciar á xente sobre a pervivencia do legado patrimonial e cultural, entre o que se atopa a obra de Daniel Vázquez-Gulías. Asemade, fixo fincapé na intensidade do programa previsto, con dez ponencias, e no feito de que as dúas primeiras actividades do centro cultural se desenvolvesen no Carballiño, cabeceira da comarca na que naceu o arquitecto.
Precisamente, a esta mesma circunstancia se referiu o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, resltando a construccion do Gran Balneario, inaugurado no ano 1900, que impulsou á vila do Carballiño como unha das principias estacións termais de Galicia. De feito, Fumega contrapuxo a burguesía liberal carballiñesa daquel tempo fronte á burguesía conservadora de Mondariz, como un feito salientable da puxanza da vila do Carballiño a comezos do século XX.
Neste mesmo sentido pronunciouse o presidente do Centro de Estudios Chamoso Lamas, Xosé Luis Sobrado, ao referirse á comarca carballiñesa como berce de grandes arquitectos, citando a Juan Cendón Carballal que construiu no século XIX a maioría das fábricas de papel da zona, ou a Lois Monteagudo, nado no Irixo, que no século XVIII acadou un gran renome en Italia e Francia. E xa actualmente, Manuel Gallego Jorreto, Fernando Blanco ou Alfredo Freixedo, entre otros.
O presidente da delegación en Ourense do Colexio de Arquitectos, Alberto de Paula agradeceu ás asociacións e institucións a iniciativa para desenvolver as xornadas e fixo fincapé no feito de que se poidese profundizar na obra de Daniel Vázquez-Gulías e promover a posta en valor da boa arquitectura. Asemade, impartiu a primeira ponencia sobre “La Casa Taboada y el Ourense contemporáneo”.
Finalmente, o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García Gómez, disculpou a ausencia do conselleiro de Cultura e resaltou a importancia deste tipo de xornadas para encarrilar o futuro do país, que ten moitas posibilidades. Referiuse aos problemas do planeamento urbanístico, que debe basearse no consenso e na aportación de ideas de todos os factores sociais, e sempre co máximo respecto ao medio ambiente, á xeografía e á historia.
As Xornadas continuarán esta tarde e durante este sábado dia 15, con ponencias e unha mesa redonda de clausura tras da cal actuará Daniel Minimalia.