A casa do concello de Leiro mellora a accesibilidade coa instalación dun ascensor que comunica as 3 plantas do edificio
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou hoxe o concello de Leiro para coñecer as melloras de accesibilidade realizadas na casa consistorial coa colaboración da Xunta. As obras contaron cunha achega autonómica que ascendeu a case 34.000 euros no marco da Orde de infraestruturas de uso público.
A través desta iniciativa instalouse un ascensor para comunicar as tres plantas do edificio, baixo, primeiro e segundo andar, eliminando as escaleiras situadas na parte posterior. A maiores construíuse unha escaleira para acceder ao baixocuberta, onde se sitúa parte do arquivo. O obxectivo é garantirlle tanto á poboación como aos traballadores a accesibilidade aos diferentes espazos das instalacións municipais. A directora xeral destacou a importancia de apoiar os concellos na mellora das infraestruturas municipais, co obxectivo de garantir instalacións accesibles, eficientes e confortables, así como a prestación dos servizos nas mellores condicións para as persoas traballadoras e usuarias.
Neste marco de acción, Natalia Prieto sinalou que a Xunta inviste un ano máis 3,5 millóns de euros a través da Orde de infraestruturas de uso público. Esta liña de axudas beneficiou o pasado ano máis dun cento de administracións locais en toda Galicia, a meirande parte delas na provincia de Ourense con 31 concellos beneficiados que sumaron máis dun millón de euros en achegas. A esta medida engádeselle ademais o Fondo de Compensación Ambiental, que conta con máis de 11 millóns de euros de orzamento, e o fondo adicional do Fondo de Cooperación Local, con 5 millóns de euros. Como novidade este ano, os concellos dispoñen tamén dunha orde plurianual destinada a obras de mellora enerxética, cun orzamento de 5,3 millóns de euros cofinanciados con Fondos Feder para o período 2024-2025.
A través do conxunto de liñas convocadas en 2023 investíronse 27,2 millóns de euros no impulso a máis de 600 proxectos municipais. A directora xeral enmarcou estes apoios no compromiso do Goberno galego co eido local e, especialmente, coa veciñanza dos concellos de menor poboación para garantir recursos públicos de calidade en todo o territorio.
No que respecto ao concello de Leiro, a colaboración da Xunta no impulso aos seus proxectos municipais no marco destas medidas sumou nos últimos anos máis de 1,4 millóns de euros. Só o pasado ano, a Xunta destinou preto de 160.000 euros para proxectos como as melloras na casa consistorial, adquisición de maquinaria para limpeza viaria, modernización do abastecemento municipal, promoción e constitución de comunidades enerxéticas, restauración de escaleiras, mobiliario e sinalizacións en Corneira, entre outros. A maiores, o pasado exercicio este concello recibiu máis de 155.000 euros do fondo base de Fondo de Cooperación Local.