Cea ultima os preparativos para o Festival Internacional de Orquestras que se celebrará os días 3,4 e 5 de setembro
(Redacción. Rocío Campos) O I Festival Internacional de Orquestras de Galicia (FIOU), organizado polo Xacobeo 2010, levará durante os días 3, 4 e 5 de setembro ó concello de Cea a formacións musicais de distintos puntos do mundo que participarán nun evento novidoso co baile como protagonista. O innovador proxecto pretende convertir a Cea no escaparate das mellores orquestras a nivel mundial. Desta maneira, o evento, acollerá orquestras de distintos tipos e procedencias, ata un total de 11, entre as que se encontran a Orchestre National de Barbès (Francia), a Billo's Caracas Boys (Venezuela), Roy Paci & Aretuska (Italia) e as galegas Sintonía de Vigo e Olympus, entre outras. Paralelamente ó evento musical, a festa complétase con outras actividades como unha exposición sobre a historia das orquestras de baile en Galicia que estará distribuida pola localidade de Cea, un mercado popular e coloquios, así como un aparcamento e zona de acampada libre de case 10.000 m2 e 408 prazas. Os interesados pódense apuntar enviando a folla de inscripción que se atopa na propia páxina web do concello.
Durante os tres días, a programación iniciarase ás 13:30 horas coa sesión vermú, que dará paso, ás 20:00 horas, ós "Clásicos Latinos" e ás 23:00 horas ás "Orquestras do mundo". Así mesmo, á 1:00 horas terá lugar unha sesión verbena coas orquestras galegas e, a partir das 3:00 en adiante, unha festa cun dj. Trátase dun festival que responde ó estilo festeiro que nos caracteriza ós galegos. Un novo concepto que conxuga o formato tradicional da verbena popular cos actuais eventos musicais de masas. A gran foliada será grabada para un documental que recollerá a orixe e a evolución das miles de verbenas populares de Galicia e os momentos estelares do Festival.