Cen persoas desempregadas participan no cuarto Programa Integrado de Emprego do concello do Carballiño, coa finalidade de mellorar a súa formación laboral
Coa posta en valor da formación como vehículo prioritario para incrementar as posibilidades de inserción laboral das persoas desempregadas, comezou o Programa Integrado de Emprego do Concello do Carballiño 2019/2020, que conta cun centenar de persoas inscritas.
O acto contou coa asistencia do alcalde, Fancisco Fumega; o director de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal; o Xefe Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Santiago Álvarez, e o concelleiro de Turismo, Emprego e Industria, Manuel Dacal.
Francisco Fumega agradeceu á Xunta de Galicia a concesión deste novo programa ao concello do Carballiño, e resaltou a importancia da formación no camiño para a procura dun posto de traballo. Así mesmo, expresou o seu desexo de que resulte tan proveitoso como os realizados anteriormente e que tiveron unha gran porcentaxe de inserción laboral.
Pablo Casal amosou a súa satisfacción pola alta participación no programa e no acto de presentación, cun salón de plenos completamente abarrotado. Recordou que o obxectivo dos cursos é mellorar a cualificación das persoas desempregadas coa finalidade de lograr a súa inserción laboral, e que para isto faise fincapé en tres sectores de futuro como son o industrial, os servizos e o sociosanitario. Dixo que a Xunta de Galicia financia este programa con 250.000 euros, sendo un dos cuarenta e seis que están en marcha, e que teñen un orzamento global de 10,5 millóns de euros. Finalmente, indicou que a esixencia mínima de inserción era do 35%, se ben era probable que se superase.
Manuel Dacal dixo que o principal capital dun concello é o capital humano, e que por eso o programa resulta de gran interese para as persoas desempregadas que van a participar nel para mellorar a súa formación. Tamén agradeceu a colaboación da Xunta e do departamento de Orientación Laboral do concello.
Finalmente, Santiago Álvarez, que compartiu a satisfacción pola alta participación na presentación do programa, ofreceu a colaboración da Delegación Provincial da Consellería de Economía, Emprego e Industria para axudar á consecución dos obxectivos do mesmo.
O Programa Integrado de Emprego do Concello do Carballiño 2019/2020 ten o compromiso de inserir laboralmente como mínimo ó 40% das cen persoas que forman parte del. Para tal fin conta con tres itinerarios formativos principais: de Servizos, Sociosanitario e Industrial, así como unha formación transversal común con disciplinas como Manipulador de Alimentos, Alfabetización Informática, Carretilla Elevadora, etc. Nesta mesma dirección os profesionais de Orientación Laboral do concello farán un seguimento de cada usuario con non menos de cinco accións individuais de asesoramento para a procura de emprego.
O 13 de xaneiro comezará a formación das cen persoas usuarias cos primeiros cursos de formación de Informática e Manipulador de Alimentos. O Programa Integrado de Emprego do Concello do Carballiño terá unha duración de dez meses e para a súa realización o Concello do Carballiño conta con tres profesionais de orientación laboral asi coma con múltiples profesionais docentes punteiros nos seus campos.