A científica Maria Teresa Miras Portugal recibe a Medalla de Ouro do Carballiño a título póstumo. Foi a primeira muller en España en presidir unha Real Academia Nacional.
Xa o afirmou no seu discurso o alcalde, Francisco Fumega, “a traxectoria profesional de Dona María Teresa Miras Portugal é tan extensa que se precisaría un groso volume para plasmar os seus méritos docentes, institucionais e científicos”. A científica e catedrática en Bioquímica e Bioloxía Molecular recibiu esta mañá, a título póstumo, a Medalla de Ouro Honorífica do Concello, nun acto no que a súa familia sentiu o agarimo deste pobo.
O seu fillo, Fernando Varela, recolleu a insignia e mostrouse moi agradecido polo recoñecemento: “A da mina nai foi unha vida de esforzo e traballo. Aínda que tivo que exercer a súa profesión fóra, sempre que tiña oportunidade volvía a súa casa do Carballiño. Moito traballou nese xardín que agora nos revive o seu recordo. Moito lle deu este pobo á miña nai”. Con este recoñecemento deuse cumprimento ao acordo plenario do mes de decembro que contou co apoio de todos os grupos políticos.
O rexedor, Francisco Fumega, asegurou representar o sentimento de todos os veciños e veciñas no acto institucional no que se lle outorgou a Medalla de Ouro Honorífica do Concello. Destacou tamén que María Teresa Miras “foi unha muller exemplar en todos os ámbitos da vida”. Destacou, ademais, que “como carballiñesa de nacemento e de corazón, e como científica de relevancia nacional e internacional, ostentou os valores implícitos nun recoñecemento institucional como o que hoxe levamos a cabo”.
María Teresa Miras estudou Farmacia en Santiago de Compostela e rematou a carreira na Universidade Complutense de Madrid con Premio Extraordinario e Premio Nacional da Licenciatura de Farmacia. Doctorouse na Universidade Louis Pasteur de Estrasburgo e tamén na Complutense de Madrid. Foi catedrática de Bioquímica e Bioloxía Molecular nas Universidades de Oviedo, Murcia e Complutense de Madrid. Miras destacou na súa faceta investigadora, á que se dedicou durante máis de 40 anos. Publicou máis de 350 artigos en revistas especializadas.
Cómpre destacar que a carballiñesa foi a primeira muller en presidir a Real Academia Nacional de Farmacia e acadou numerosos premios, tanto das institucións académicas como científicas, así como das administracións públicas e fundacións privadas.