Cine de diversos xéneros e outras actividades en XOCIVIGA 2016, do 25 ao 30 de Xullo
As Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia (XOCIVIGA) do Carballiño proxectará este ano un total de trinta e sete filmes dos máis diversos xéneros e para todas as idades.
Do mesmo xeito, acollerá concursos audiovisuais como Curtas Prima, exposicións fotográficas, sesións de cine amateur, e a entrega dos premios XOCIVIGA de Honra a Mariana Carballal e a Insignia de Ouro a Eduardo Galán.
O Concelleiro de Cultura, Diego Fernández, presentou nunha rolda de prensa o programa da semana do XOCIVIGA, e anima ós cidadáns de tódalas idades a participar nas xornadas de cinema.
Na presentación, o concelleiro agradeceu a colaboración do CineClube Carballiño e de personalidades ligadas ás primeiras edicións do XOCIVIGA, tales como Pepín Prada ou Miguel Anxo Fernández.
As XOCIVIGA 2016 abrirán cun pasarúas da man da Agrupación Musical da Limia, que interpretará bandas sonoras icónicas e, posteriormente, ás once da noite na Praza Maior, proxectarase a película muda Miss Ledyia, dirixida por Xosé Gil en 1916, acompañada pola interpretación da banda da Limia.
As Xornadas de Cinema e Vídeo de Galicia ofertan este ano películas da máis variada índole: películas infantís ás mañás, cinema documental ou filmes galegos icónicos.
Do mesmo xeito, farase entrega do premio XOCIVIGA de Honra a Mariana Carballal e a Insignia de Ouro a Eduardo Galán.
Durante a semana, O Carballiño acollerá a un grupo de alumnos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que se encargarán de facer un proxecto cinematográfico sobre os dous puntos fortes da vila do Arenteiro: o polbo e o termalismo.
As XOCIVIGA contarán este ano con dúas exposicións de carácter artístico e cultural: o traballo fotográfico Xentes do Carballiño 1890-1990 e Aurelio Pego, un xornalista cinematográfico galego en Nova York. Antoloxía Gráfica.
XOCIVIGA proxectará este ano os filmes que participan no concurso Curtas Prima, e a sesión Cine en Curso, no que se pasarán curtas rodadas por diferentes colexios e institutos galegos.
As proxeccións dos filmes e as exposicións terán lugar na Casa da Cultura e no Auditorio Municipal.
Para ver a programación completa prema no arquivo adxunto: