Cine galego de estrea no Carballiño atá o 30 de decembro
As Xociviga 2011 presentan un novo ciclo nesta derradeira semana do ano, desta vez dedicado ao cine galego de estrea.
Entre os días 28 e 30 de decembro poderanse ver no Carballiño 11 produccións diferentes distribuídas en 14 proxeccións que se levarán a cabo tanto no Auditorio como na Casa da Cultura, onde a entrada será libre. Tamén será gratuíta a gala de inauguración coa proxección de Sinbad, o mércores 28 ás 23:00 horas no auditorio, contando coa presenza do director da película para a súa presentación. Farase outro pase o día 29 ás 18:00 horas adicado máis ao público infantil e xuvenil.
A programación da Casa da Cultura está adicada ao cine documental, cun ciclo sobre a obra do director galego Lois Patiño, onde se proxectará una escolma da súa producción máis recente, contando coa súa presenza o día 28, mércores. O 29 proxectarase As silenciadas, con música en directo a cargo do compositor da banda sonora, Pilo Sierra, e coa asistencia do director Pablo Ces e a guionista, Aurora Marco. Pecharase a programación o venres 30 coa proxección de Non che doe?. Loreto Costa, a súa directora, falaranos da labor de axuda humanitaria e médica que leva a cabo Solidariedade galega e que se ve reflectida na película.
No auditorio proxectaranase as últimas producción galegas, aparte da xa mencionada Sinbad. Tralas luces, presentada no último festival de San Sebastián con éxito de crítica e público contará o xoves pola noite coa presenza da súa directora, Sandra Sánchez. Tamén poderemos ver Anos despois, una producción galego-mexicana que aínda non se estreou comercialmente en España, dirixida pola neta do ourensán Carlos Velo, Laura Gárdos Velo. Por último Todos vós sodes capitáns, de Oliver Laxe, premiada no festival de Cannes do 2010, que todavía non se vira no Carballiño. As entradas terán un prezo de 4 euros para o Auditorio, excepto Sinbad, que como dixemos será de entrada gratuíta.