Cine, teatro, roteiros culturais, automobilismo e Festa do Viño Tinto de Cenlle, na nosa Axenda Fin Semana.
A Carteleira do Novocine de Leiro reúne esta fin de semana 3 películas: "Top Gun: Maverick", "Downton Abbey: Una nueva era" e "Escribir lo imposible", en horarios de 16:00, 18:15 e 20:30 horas.
O Auditorio do Carballiño acolle o sábado 4 ás 20:00 horas a representación do grupo de teatro Fontevella do Porriño titulada "Balneario a Condesiña", primeira representación do Circuíto de Teatro Amador patrocinado pola Xunta coa colaboración da Federación de Teatro Affecionado e a organización de Tiruleque Teatro, un festival que terá continuída en semanas próximas.
O Centro de Estudios Chamoso Lamas invítanos ao roteiro urbano "lugares e personaxes históricos do Carballiño", un percorrido de varagiño polos séculos XVIII, XIX, e de inicios do século XX. O punto de encontro será o patio do Asilo ás 10 da mañá do domingo 5, un roteiro que será guiado por Xosé Luis Sobrado, Juan Manuel Rodríguez e Alicia Graña.
Outro roteiro cultural para a matinal dominical é o que nos ofrece o concello de Maside, neste caso dende o Barbantiño ao conxunto arqueolóxico de Santa Mariña, tamén con visita guiada. O punto de encontro ás 10:00 horas en San Fiz.
O espectáculo do automobilismo lévanos esta fin de semana ata o concello de Piñor, onde terá lugar o "6º Rally Mix Concello de Piñor", o sábado 4 dende as 12:15 do mediodia e o domingo 5 dende as 10:00 horas.
E finalmente, Cenlle celebra a "Festa do Viño Tinto", con pregón de Xosé Lois "Carrabouxo" ás 19:00 horas do sábado 4, de seguido iniciaráse a ruta das adegas, onde os participantes teñen ocasión de degustar o viño tinto de Cenlle en 5 adegas da localidade, acompañando con pinchos e tapas. O domingo, a apertura de adegas será a partir das 11 da mañá, e haberá xantar popular con polbo, churrasco e carne cocida. Tamén unha exposición de maquinaria agrícola e atraccións infantís.