"Cinema circulante", un festival itinerante coa cultura e cinema galegos en pequenas vilas, chegará os dias 8 e 10 de xullo a Maside e Beariz.
O próximo 1 de xullo comeza a primeira edición de Cinema Circulante, un festival itinerante de cinema que busca converterse nun espazo de encontro coa cultura e cinema galegos en concellos do rural. O programa, financiado a través da convocatoria de Territorio Cultura da Xunta de Galicia, percorrerá dez vilas de menos de 5.000 habitantes das provincias de Lugo e Ourense ata o vindeiro 10 de xullo.
Con obradoiros, música, proxeccións de curtametraxes e coloquios, a programación condensa nunha única xornada diferentes actividades relacionadas co audiovisual e orientadas a todo tipo de públicos:
Sementando cineastas: obradoiro de creación cinematográfica para público infantil no que o cineasta Ángel Santos (nos concellos de Trabada, Cervantes, Quiroga, Rubiá e A Fonsagrada) e a cineasta Noemi Chantada (nos concellos de Monterrei, Calvos de Randín, Maside, Carballeda de Avia e Beariz) introducirán á rapazada da contorna no medio audiovisual. A actividade contará con 10 prazas por concello para nenos e nenas de 8 a 12 anos (aínda que a organización terá en consideración outras idades se non se completan as prazas). A inscrición pode facerse enviando un correo electrónico a cinemacirculante@nortecatrocinema.com facliitando os datos e sinalando o concello.
Cinema memoria: proxección e coloquio dedicado as nosas e nosos maiores no que a través de tres pezas de realizadoras e realizadores galegos xerarase unha conversa sobre as lembranzas e vivencias das e dos asistentes. As curtametraxes proxectadas nesta actividade serán O carro e o home (Antonio Fernández Román, 1945), As vacas de Wisconsin (Sara Traba, 2016) e Matria (Álvaro Gago, 2017). Actuación ao vivo do grupo Gure Terra. Cara ao final da tarde a veciñanza poderá gozar deste espazo musical que xira en torno ao imaxinario popular e á tradición.
Cinema na rúa: proxección de curtametraxes galegas ao aire libre. Os filmes que conformán esta sesión serán Xoves de comadres (Noemi Chantada, 2020), Así vendrá la noche (Ángel Santos, 2021), Rompente (Eloy Domínguez Serén, 2022) e Einstein-Rosen (Olga Osorio, 2017). Baixo as estrelas, coloquio posterior ás proxeccións no que o público poderá falar da proxección co cineasta Ángel Santos (nas primeiras cinco xornadas) ou coa cineasta Noemi Chantada (nas cinco seguintes).
O percorrido desta primeira edición de Cinema Circulante atravesará as provincias de Lugo e Ourense dende o 1 ata o 10 de xullo, comezando por Trabada (1 de xullo), Cervantes (2 de xullo), Quiroga (3 de xullo), Rubiá (4 de xullo), A Fonsagrada (5 de xullo), Monterrei (6 de xullo), Calvos de Randín (7 de xullo), Maside (8 de xullo) Carballeda de Avia (9 de xullo) e rematando en Beariz o 10 de xullo. Máis información sobre as actividades e horarios en cada concello dispoñible en www.cinemacirculante.com ou nas canles oficiais das distintas redes sociais do proxecto (Facebook, Instagram, Twitter e Telegram).