Cociña en vivo, degustacións e ruta dos fornos, novidades este ano na programación da Festa do Pan de Cea
O Campo da Saleta acollerá este domingo 6 de xullo unha nova edición da Festa de Exaltación do Pan de Cea, que chega xa á 23ª edición chea de novidades. O programa presentado esta mañá conta con cociña en vivo e degustacións en fornos e locais colaboradores, ademais da animación musical e do clásico Maratón de Fútbol 7, que non faltará á súa cita. A programación foi presentada polo presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida “Pan de Cea”, Carlos Rodríguez; o alcalde de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o secretario da IXP “Pan de Cea”, Ricardo Losada; e o tenente de alcalde de San Cristobo de Cea, Celso Garriga.
Segundo explicou Carlos Rodríguez nesta edición agardan seguir superando o número de persoas que ano a ano danse cita en Cea o primeiro domingo do mes de xullo. Para iso a Festa de Exaltación conta cun completo programa de actividades no que no faltará a gastronomía galega de calidade, a música e, como non, as pezas de Pan de Cea que os fornos de Cea producirán para a ocasión, probablemente máis de 2.500 pezas que acompañán aos produtos que se poderán degustar durante toda a xornada.
Así, durante o sábado haberá un show cooking a cargo da chef Enma Pinal na Praza da Panadeira na que se ofrecerán catro degustacións con produtos con denominación de orixe galegas: Pan de Cea en torrada de cocido con Lacón e IXP Grelo de Galicia; tosta de Pan de Cea, con IXP Tenreira de Galicia, queixo da DOP Cebreiro e pementos da DOP Pementos de Herbón; blinis de Pan de Cea con Mexilón de Amegrove e Pan de Cea con mousse de DOP Arzúa-Ulloa e salsa de IXP Mel de Galicia.
Ademais, os visitantes poderán facer un percorrido gastronómico polos antigos fornos de Pan de Cea: Forno de Lodairo, Forno de Parapeta, Forno do Santo e Forno da Cruz en cada un dos cales tamén se ofrecerá un pincho de degustación a base de empanada, polbo, mexilón e queixo. Sen esquecer que nos locais que colaboran con esta iniciativa, O Vaticano, Bar Pérez e Kanela Drink, tamén se ofrecerán estes pinchos elaborados todos eles con produtos con indicativo de orixe e calidade galegas.
Xornada dominical
Xa para a xornada grande, o domingo 6 de xullo, arrancará o día cos tradicionais pasarrúas e charangas que darán paso á lectura do pregón, a cargo da actriz ourensana Gloria Ferreiro, moi coñecida polo público pola súa persoaxe de Dona Hermitas. Non faltará a tradicional homenaxe aos panadeiros xubilados, a degustación de diferentes productos con denominación de orixe e, como ven sendo habitual, ás 14:30 terá lugar un xantar organizado a base destes productos acollidos a denominación de orixe. Xa pola tarde, ás 17 horas volverá a música da man da charanga Castro Bello.