A Comarca do Carballiño estreita lazos con Panamá recibindo á gañadora do concurso de oratoria do país centroamericano

22, Xaneiro 2015

Mariela Montero Rodríguez recibíu como premio unha viaxe a Galicia, tras gañar o concurso de oratoria no que participa o estudantado de secundaria de Panamá.

Acompañada da súa profesora-adestradora e a vicecónsul de Panamá en España, a xoven foi recibida no transcurso dun acto institucional na casa do concello do Carballiño, ao que asistiron concelleiros e concelleiras das corporacións municipais de Boborás e O Carballiño. Despois, a comitiva visitou os dous institutos de secundaria carballiñeses e o templo da Veracruz.

O alcade Argimiro Marnotes lembrou a gran relación existente entre a nosa comarca e Panamá, a través da emigración, con numerosas familias orixinarias da comarca emigrantes a Panamá " e tantos dos nosos veciños que traballaron nesa colosal obra do canal de Panamá", remarcou o rexedor municipal.

Mariela agradeceu a acollida, manifestou ter a sensación de "estar como en casa" e invitou aos carballiñeses e galegos en xeral para coñecer Bocas del Toro, a súa terra natal en Panamá.