A Comarca do Carballiño xa ten o seu primeiro santo: Juan Jacobo Fernández, natural de Moire-Piñor, foi canonizado este domingo en Roma.
A Praza de San Pedro na cidade do Vaticano acolleu nesta mañá de domingo a celebración solemne presidida polo papa Francisco no que tivo lugar a canonización do novo santo nacido no concello de Piñor, e que desta maneira convértese no primeiro santo da comarca do Carballiño que a igrexa católica sobe aos altares.
Ademáis dun cento de persoas, entre elas veciños e veciñas do propio concello de Piñor, estiveron presentes en Roma, a maioría delas formando parte dunha perigrinaxe organizada pola Diocese de Ourense, encabezada polo bispo Leonardo Lemos. En representación do Goberno de España participou neste acto o Ministro da Presidencia, Félix Bolaño.
O papa Francisco, que loubou a santidade de Juan Jacobo Fernández, tivo un recordo especial para "a atormentada Palestina, polo Líbano e por Ucrania". Como colofón á celebración, a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense interpretou o himno do Antigo Reino de Galicia e o himno da Alegria, unha peza especialmente composta para esta ocasión.
A HISTORIA DO NOVO SANTO DE PIÑOR
O dia 9 de xullo de 1860, oito franciscanos e tres seglares foron martirizados en Damasco (Siria), a mans da minoría islamita dos drusos. Entre os mártires atopábase Juan Jacobo Fernández, nacido en 1808 en Moire, na parroquia de Santa María de Carballeda, no concello de Piñor. No lugar consérvase en bo estado a súa casa natal, e a idea tanto da Diócese como do concello de Piñor é que a mesma poida acoller un pequeno museo.
Os Mártires de Damasco, como llos coñeceu na posterioridade, foron beatificados polo Papa Pío XI no ano 1926, case cen anos despóis soben os altares da igrexa católica.
O primeiro santo co que conta a comarca do Carballiño procedía dunha familia numerosa, que o seguiu sendo despois da súa morte. Iso facilitou que o sucedesen parentes de relevancia notable.
Camilo José Cela, premio Nobel de Literatura en 1989, asegura na súa obra Xudeus, Mouros e Cristiáns, que o pai do novo santo de Piñor, do que o escritor era tataranieto, exerceu de médico no Carballiño, desde onde cruzaba correspondencia con Jean Lle Rond D'Alambert, un dos pais da Ilustración francesa.