Comezan as obras de mellora da OU-212 ao seu paso por Avión e Beariz, que suporán un investimento de preto de 1,5 M€

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, supervisou esta mañá, acompañado dos alcaldes de Avión e Beariz, Antonio Montero e Manuel Prado, o estado das obras de mellora da estrada autonómica OU-212 ao seu paso polos devanditos concellos, nas que a Xunta investirá case 1,5 millóns de euros.
O delegado territorial salientou que con este intervención acondicionarase a vía autonómica nun tramo de 6 quilómetros entre o centro urbano de Beariz, á altura do punto quilométrico 6+250, e o desvío ao núcleo do Couso, en Avión, no quilómetro 12+620.
Explicou Manuel Pardo que as principais actuacións que se van a executar inclúen a ampliación da plataforma do viario ata os 7 metros, así como a rectificación dunha curva en Beariz (no quilómetro 7+350) aumentando o radio dos actuais 30 metros aos 50 metros para mellorar así a seguridade, ademais da humanización da travesía de Liñares, xa na zona urbana en Avión.
Nesta contorna dotarase á travesía de beirarrúas e zonas de aparcamento ao mesmo nivel da estrada, para integrar adecuadamente o viario nesta zona urbana.
A actuación incluirá outras melloras complementarias, como o acondicionamento dos accesos existentes á estrada OU-212, a renovación da iluminación e das varandas de protección peonil, así como a reposición de servizos afectados e a renovación da sinalización, adecuándoa ao novo deseño da estrada.