Comezan as obras de mellora na travesía do Reino, que financia a Xunta
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar as obras de mellora da estrada OU-154, ao seu paso polo núcleo do Reino, no Concello de Piñor.
O contrato foi adxudicado á empresa Hordescón S.L. por un importe de preto de 100.000 euros.
Os traballos para acometer o acondicionamento desta vía autonómica, que inclúen a reposición de servizos, disporán dun prazo de execución duns tres meses aproximadamente.
A intervención consistirá na adecuación da estrada OU-154, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 1+741 e 2+025, para incrementar a seguridade viaria na contorna.
Esta actuación contemplará a remodelación dos espazos para protexer a circulación dos peóns e a disposición de nova sinalización e redutores físicos de velocidade.
Tamén se levará a cabo a rehabilitación do firme neste tramo, así como a substitución das redes de servizo aéreas de alumeado e de teléfono por unha canalización soterrada.
Ademais, o proxecto incluirá a mellora da iluminación mediante a substitución dos puntos de luz por novas farolas con luminarias led.