Comezan as obras de urbanización na rúa Ben-Cho-Shey

26, Outubro 2016

A rúa Ben-Cho-Shey, unha das poucas rúas dos casco urbano do Carballiño sen servizos nin asfaltado nin beirarrúa mudará nestes próximos meses esta condición. Estes días execútase o proxecto de urbanización desta rúa, situada entre a Avenida 25 de Xullo e a rotonda da rúa Ourense. Ten 215 metros de lonxitude e 12 metros de ancho, e contará con todos os servizos de abastecemento, saneamento, luz pública, beirarrúas e zona de aparcamento en batería, con capacidade para uns 30 vehículos e circulación en dirección única.

É unha das obras de urbanización máis demandadas, pois trátase dunha rúa relativamente céntrica, con diversos edificios construidos, sobre todo na parte alta. De aí que o proxecto contemple dúas zonas con distintas infraestruturas, pois o tramo comprendido entre a rúa 25 de xullo e a rúa Xosé Fariña Jamardo está mellor acondicionado que o comprendido entre esta última rúa e a rotonda de Conde Vallellano.

En todo caso, o proxecto contempla unha nova canalización da rede de abastecemento e saneamento, que é o primeiro que se executa, así como un muro de contención nunha zona de parcelas ainda sen edificar. Asemade, incluirá rede e puntos de iluminación pública, beirarrúas con plaqueta, asfaltado en quente e pintado da calzada e dos aparcamentos.

As beirarrúas terán 2 metros de ancho e a calzada será de 10 metros. A rúa será de dirección única para poder fixar unha franxa de aparcamentos en batería, co obxectivo de ganar máis prazas.

Estas obras, que están sendo realizadas pola empresa BIDON Excavaciones, especializada en urbanizacións, ten un período de execución de seis meses e un custo de 146.000 euros, que son sufragados íntegramente polo concello do Carballiño.

400.000 EUROS PARA A MELLORA DE RÚAS

Neste intre, estanse realizando seis obras de interese no municipio carballiñés, fundamentalmente, no casco urbano. Así, ademáis desta obra de Ben-Cho-Shey, execútanse obras nas rúas Calviño, Río Avia, Galicia, Aldara e acceso ao núcleo rural da Barreira. O custo total destes proxectos supera os 400.000 euros, que son sufragados polas diferentes administracións, local, provincial e autonómica, segundo os diferentes proxectos.