A Comisión da Auga recibe o apoio da Confederación Galega de Asociacións Veciñais
Unha representación da Conderación Veciñal Galega achegouse ata a casa do concello de Punxín, para mostrar a solidariedade deste colectivo coa veciñanza de Punxín, que sigue demandando do concello e das institucións provinciais e autonómicas unha "via de diálogo" para negociar a xestión do servizo de abastecemento de auga no municipio.
De momento, a demanda veciñal sigue sen resposta por parte do alcalde da localidade, que dias atrás mostrou a súa disposición para reunirse coa comisión da auga, aínda que aplazando esa negociación para o mes de outubro ata "que se vexa como evolucionan os costes do servizo", manifestou nesta emisora de radio Manuel Vázquez, que cifrou o coste do servizo "nunhos 78 mil euros ó ano, esa é a previsión, pero pode subir ou baixar", dixo.
Precisamente, neste acto criticouse a ausencia do alcalde "que nunha flagante falta de respecto e desprezo polos veciños e o cargo que ocupa vaise de vacacións ás Illas Canarias, e non está aquí a pesar de que tiña coñecemento desta concentración dende fai dias".