A Comisión de Heráldica propón bandeira e escudo oficiais para o concello do Carballiño

12, Abril 2021

Tras a remisión ao Concello do Carballiño da proposta da Comisión de Heráldica, adscrita á Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia, sobre o novo escudo e bandeira oficiais do Carballiño, o grupo de goberno municipal levará esta proposta ao próximo pleno para a súa aprobación.

Trátase do primeiro requisito para cumprimentar os trámites previstos no artigo 16 a) do Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, polo que se aproba o regulamento de símbolos das entidades locais de Galicia. Unha vez aprobada a proposta polo pleno, e para o que se require maioría absoluta, procederase ao trámite de información pública polo prazo dun mes, mediante anuncio no DOG, e no taboleiro de edictos. A continuación, resolución polo pleno das alegacións que se poidan formular, e para rematar, remisión do expediente completo.

A Comisión de Heráldica na súa reunión do 18 de decembro de 2020 acordou propoñer como válida as seguintes descricións de escudo e bandeira:
Escudo: De ouro (amarelo) e sobre ondas de azur (azul) e prata (branco), un carballo arrincado de sinople (verde) cos dous osos ao natural empinados ao seu tronco. Ao timbre, a coroa real pechada.

Bandeira: “Partida ao centro. Ao asta, o pano amarelo co carballo arrincado de verde e os dous osos na súa cor natural empinados ao tronco. Ao batiente, de azul con catro ondas de branco”.

A proposta sintetiza á simboloxía histórica do Carballiño: dous osos erguidos como símbolo da pertenza ás Terras de Oseira; un carballo con dezaséis follas en representación das parroquias que conforman o municipio, e as ondas alusivas á riqueza fluvial e termal que caracterizan ao Carballiño.