Completa a súa actividade o obradoiro de emprego de Boborás, San Amaro e O Carballiño
Un total de 20 persoas desempregadas recibiron de mans do delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, os diplomas que acreditan a súa participación no obradoiro de emprego “Agrupación Carbosam 2014” que agrupa aos concellos do Carballiño, San Amaro e Boborás.
Deste programa mixto de formación e emprego tamén se beneficiaron outras 6 persoas que formaron parte do persoal directivo, docente e de apoio administrativo. O alumnado compaxinou, durante os seis meses que durou esta iniciativa, unha formación teórico-práctica de xardinería e albanelería co desenvolvemento dun traballo remunerado, grazas a un investimento da Consellería de Traballo e Benestar de máis de 177.000 euros.
Rogelio Martínez, acompañado polo xefe territorial de Traballo e Benestar, José Selas, participou no acto de clausura deste obradoiro que tamén contou coa presenza do alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes; do rexedor de San Amaro, Ernesto Pérez; e da concelleira Patricia Torres, en representación do concello de Boborás.
O delegado territorial, na súa intervención, destacou ante os alumnos as distintas vantaxes dos obradoiros de emprego: combinan formación cun posto de traballo; permiten o desenvolvemento de obras ou servizos de interese para a comunidade; e abren un importante espazo de colaboración cos concellos para intentar que estes obradoiros teñan continuidade na creación de postos de traballo nun futuro.
Durante os seis meses de duración do obradoiro os 14 alumnos que elixiron o módulo de xardinería e os 6 que optaron pola disciplina de albanelería realizaron traballos de recuperación de infraestruturas e zonas verdes. No Carballiño acondicionaron o lavadoiro na Uceira, o forno en Sáa e os accesos ao cemiterio de Señorín. No municipio de San Amaro rehabilitaron o local do grupo escolar de Anllo e, por último, en Boborás, o alumnado deste obradoiro de emprego traballou en labores de mantemento de rutas de sendeirismo.
Novo Obradoiro de Emprego
Os tres concellos, Boborás, San Amaro e O Carballiño xa remitiron á Xunta a solicitude dun novo obradoiro de emprego de carácter intermunicipal.