A comunidade educativa homenaxea á natureza e á lingua galega na Insua dos Poetas
Arredor de trescentos alumnos e alumnas dos centros educativos da comarca do Carballiño renderon hoxe unha homenaxe á natureza e á lingua galega.
Tratábase de celebrar o Día das Árbores, da Auga e da Poesía, que debía desenvolverse o pasado mes de marzo e que fora aprazado por causa da chuvia.
Participaron sete centros educativos: IES nº 1, IES Chamoso Lamas, Colexio Sagrado Corazón e Vila do Arenteiro, do Carballiño, e da comarca os colexios de Bearíz, O Irixo e Boborás. Cada centro elexiu un tipo de árbore e realizou unha actividade vencellada con esta árbore.
Así, léronse textos dramatizados, cantáronse cancións e se realizaron coreografías sobre o amieiro, o buxo, o loureiro, o madroño, a cerdeira, o Carballo e o salgueiro.
O acto estivo organizado polo Instituto Chamoso Lamas, e contou coa asistencia de numerosas autoridades. Así, asistiron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o vicepresidente da Deputación Provincial, Rosendo Fernández; o concelleiro de Cultura do Carballiño, Diego Fernández; o presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luis González Tosar; a delegada territorial de Educación; os directores dos institutos do Carballiño, José Manuel Vázquez e Manuel Amil, e profesores e profesoras dos centros participantes.
Nos saúdas das autoridades convidadas fíxose especial mención ao entorno natural e artístico da Insua dos Poetas, e abogouse pola promoción da nosa língua, tanto escrita como falada.
Asemade, anunciouse que está previsto colocar un novo grupo escultórico na Insua dos Poetas adicado a Carlos Casares, que terá lugar o 22 de xullo durante a celebración da X Festa da Palabra. Esta escultura complementará ás nove que xa hai e que están adicadas a Rosalía de Castro, Paco Luis Bernardez, Eduardo Blanco Amor, Celso Emilio Ferreiro e Eduardo Condal, entre outros escritores e escritoras.