A Concelleira de Igualdade e benestar en contra da subvención municipal á subida a Cabanelas porque "difunde publicidade sexista"
Dende a Concellería de Igualdade e Benestar do Concello do Carballiño, a súa titular, a concelleira do BNG Aúrea Francisco ven de emitir un escrito no que manifesta a "súa repulsa e malestar pola subvención municipal á 2ª subida a Cabanelas", que se vai celebrar esta vindeira fin de semana. O motivo desta protesta ten que ver coas publicacións deste acontecemento automobilístico que organiza unha escudería carballiñesa. A Concelleira critica como ó lado de distintas empresas e entidades, entre as que figuran a Deputación de Ourense, A Xunta de Galicia e o propio Concello do Carballiño, aparecen "anuncios de negocios ou empresas que teñen como actividade principal, precisamente vivir do fomento de actitudes e comportamentos sexistas". Ademáis, manifesta que "sen querer entrar a valorar máis en profundidade estas actividades", recorda como na propia lexislación sobre igualdade especifícase que nos proxectos e actividades sufragadas total ou parcialmente con diñeiro público debese garantir que a linguaxe ou os contidos sexan non sexistas. Finalmente, a Concelleira carballiñesa "lamenta profundamente estes feitos, que se producen a poucas datas de celebrarse o dia internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, e por iso instamos a todos os organismos de carácter público a que revisen os espazos ou publicacións onde figure propaganda institucional, para que estes despropósitos non se repitan". Áurea Francisco é a Concelleira de Igualdade e Benestar no goberno municipal bipartito do Carballiño, que desde o pasado mes de outubro forman PSOE e BNG.