A concelleiras socialistas cualifican a visita de Baltar a Punxín como un acto "partidista e electoralísta, un perfomance para coñecer a nova candidata dos populares"
O PSdeG-PSOE de Punxín cualifica a visita do presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar a Punxín como un acto “partidista” e “electoralista” do Partido Popular. As socialistas consideran que a “performance” do presidente provincial só tiña como obxectivo dar a coñecer á nova candidata dos populares, Diana Sulleiro, empregando, unha vez máis, as institucións para un uso do seu partido político.
Para o Grupo Municipal Socialista, a decisión de non avisas as concelleiras da oposición da visita do presidente da Deputación Provincial a Punxín “é un exemplo máis da falta de respecto do grupo de goberno municipal, xa non só as concelleiras, senón á metade da veciñanza de Punxín”. Consideran que esta situación “amosa que ao PP tan só lle preocupan os intereses persoais dos seus membros e namentres desleixan e abandonan a unha veciñanza farta da parálise e o retroceso que vive o municipio da man do bipartito conformado polo PP e un concelleiro non adscrito”.
A voceira do PSdeG-PSOE de Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, apunta que José Manuel Baltar “veu a Punxín máis en calidade de presidente do Partido Popular, que de máximo representante da Deputación, co único obxectivo de presentar a que será a nova candidata dos populares á alcaldía, Diana Sulleiro”. A edil socialista considera que “Baltar e o PP empregan as institucións públicas sen ningún tipo de reparo, co único fin de sacar rédito político”, xa que tal e como apunta “non ten ningún tipo de sentido vir a promocionar un investimento dunha obra que leva 3 meses comprometida e que foi aprobada por unanimidade no pleno municipal”.
Peleteiro Vázquez tamén subliña que o PP “non ten escrúpulos a hora de empregar o que é de todos no seu propio beneficio” e fai fincapé en que no Partido Popular “están moi nerviosos ante a situación de desleixo que se vive en Punxín, despois de 3 anos de goberno municipal no que o Concello non evolucionou, senón que retrocedeu, debido principalmente a nefasta política e a pésima xestión do equipo de goberno”.
As concelleiras socialistas insisten en que Punxín “precisa un cambio de forma urxente, que remate co abandono que vive á veciñanza e dun novo goberno municipal que aposte, dunha vez por todas, por escoitar suxestións e reclamacións dos veciños e veciñas nos seus problemas cotiás, algo que o PP non fixo ao longo de todo o mandato”.