A concellería de cultura valora o éxito de público da feira medieval e anuncia a súa continuidade
A primeira feira medieval “A Liorta” está sendo unha sorpresa para veciños e visitantes e revélase como un dos grandes eventos festivos do verán no Carballiño", manifestan dende o concello carballiñés.
Malia ao calor sofocante desta fin de semana, o público saiu ás rúas para vivir os espectáculos e a ambientación que ofrece a feira, organizada por unha empresa privada coa colaboración do concello do Carballiño.
A hostalería da zona centro respondeu á chamada da organización, e varios locais de hostalería ambientaron os seusestablecementos cunha decoración acorde co tempo da feira, substituindo moitos deles as cadeiras de aluminio das terrazas polas alpacas de palla.
Máis dun centenar de alpacas foron distribuidas entre estes establecementos. En varios locais, os interiores tamén foron decorados e os propietarios e o servizo vestíronse con prendas da época medieval.
Durante toda a fin de semana seguirá habendo animación con pasarrúas, malabares, xigantes e cabezudos, e outro tipo de espectáculos. O concelleiro de Cultura, Diego Fernández, asegura que "o éxito acadado nesta primeira eira medieval permitirá planificar con máis tempo o evento para o próximo ano".
De feito, manifesta que se poden mellorar e incrementar as actividades, algunas das cales non se puideron realizar por falta material de tempo para lograr os permisos, como sucedeu coa exhibición de cetrería.
Así, o concelleiro di que "esta foi unha primeira experiencia da que se pode aprender moito de cara ao 2017".