A concellería de Igualdade, Potiños e CCA convocan o concurso fotográfico "Unha mirada de xénero: a muller na súa loita"
O Centro de Información da Muller, o Centro Comercial Aberto e a Asociación Fotográfica O Potiños convocan a 7ª edición do Concurso Fotográfico “Unha mirada de xénero: A muller na súa loita”.
O concurso, que ten carácter nacional (xa que a pasada edición foi internacional pero houbo problemas burocráticos), foi presentado esta mañá pola concelleira de Benestar Social e Igualdade, Marina Ortega; a xerente do Centro Comercial A berto, Noelia Mares, e o presidente da Asociación Fotográfica O Potiños, Manuel Blanco. Marina Ortega explicou que o motivo do lema desta edición era render homenaxe ás mulleres pioneiras na loita pola igualdade, “aquelas feministas que crearon precedentes”.
Neste senso, dixo que ainda queda moito por facer e de aí a importancia desta iniciativa. A concelleira tamén adiantou que este ano a Andaina pola Igualdade ía ter lugar o domingo, 4 de marzo, con saída e chegada na Praza Maior, e cun percorrido de 16 km. Do mesmo xeito que nas edicións anteriores, haberá tres premios de 300, 200 e 100 euros para os tres primeiros, respectivamente. O segundo e o terceiro premio será aportados polo CCA e consistirán en vales de compra nos establecementos comerciais adheridos a esta asociación. Ao respecto, Noelia Mares dixo que estes premios eran para distinguir ás mellores fotografías, para homenaxear a loita das mulleres e para que repercutisen nos establecementos comerciais do Carballiño.
Pola súa parte, Manuel Blanco, destacou a vitalidade do Carballiño no eido da fotografía a nivel de Galicia, e comentou as características técnicas do concurso. Referiuse á continuidade de poder enviar fotografías online ou en papel, e que as vinte mellores serían expostas nos comercios e lugares de exhibición da asociación.
As bases do concurso poden consultarse na páxina web do concello, e son similares a da última edición: que os traballos deben estar realizados por persoas afeccionadas á fotografía; que se poden realizar en B/B ou cor; que deben ser inéditos e non terse presentados noutros concursos, e que cada participante pode presentar como máximo tres fotografías. As fotografías que se envíen on-line (a través do correo electrónico cim@carballino.gal ), deben facerse en arquitos JPG con resolución 2.400 pixels no seu lado maior (Non superando as cinco megas). Admítense fotos apaisadas e de formato cadrado. Non se admiten fotografías con marcas de auga, sinaturas, marcos, nin pés de foto. A data límite para a presentación de fotografías será o 28 de febreiro de 2018. E os premios entregaranse nun acto que se celebrará no concello, ás 12,00 h., do 8 de marzo.