Concello e Consellería de Sanidade asinan un convenio para reformar o centro de Saúde de Maside
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Maside, José Manuel Iglesias Araújo, asinaron esta mañá un acordo bilateral no que se establecen as bases para o financiamento das obras de reforma do centro de saúde da localidade. No acto, estiveron acompañados pola directora xeral de Recursos Económicos, María Jesús Piñeiro Bello.
O investimento deste proxecto de mellora ascende a 48.399 euros, partida económica que será cofinanciada a partes iguais pola Xunta e o concello. O conselleiro de Sanidade agradeceu a boa disposición do alcalde e o papel de intermediación do delegado territorial para poder asinar este convenio, con tempo suficiente para que se poida licitar a obra e executarse en prazo.
Deste xeito, o persoal e os pacientes do centro de saúde desa localidade contarán, a partir do ano que vén, cun centro de saúde mellor e máis confortable, ademais de mellorar a eficiencia enerxética do edificio e aforrar no consumo.
As obras, logo do informe dos técnicos do Sergas, consistirán na renovación da carpintería exterior, a adaptación do aseo, acabados interiores e a renovación da calefacción.