Concello e Empresa Montañesa poñen en marcha o plan de mobilidade "Móvete por San Amaro"
O tenente-Alcalde, Carlos Paz González, ven de presentar -xunto ao xerente da Empresa Montañesa, Manuel Carballeda, a primeira fase do plan de mobilidade “Móvete por San Amaro”.
Nesta primeira fase, procederase -despois de diversas conversas coa única empresa que realiza servizos no termo municipal- á información e posta en valor dos servizos de transporte público existentes, combinando diversas tipoloxías de transporte, como son a liña regular, o bus compartido ou o transporte á demanda. Neste senso, hoxe xoves día 8, estase procedendo a colocar carteis informativos en cada marquesina do termo municipal.
A mobilidade é un dos grandes retos a solventar en San Amaro, na comarca do Carballiño e -por extensión- en todo o medio rural. A escaseza de transporte público, a dispersión da poboación ou o emprego popularizado dos vehículos privados, provocan unha mobilidade ambiental, económica e socialmente insostible. Neste senso, afirmou Carlos Paz que “apostamos por un modelo de sostibilidade, tanto para protexermos os importantes recursos naturais do concello e da comarca, como para procurarmos uns niveis aceptables de calidade de vida para as veciñas e os veciños dos distintos núcleos do termo municipal”.
Nos vindeiros exercicios, continuarase traballando na redacción do plan de mobilidade, con arranxo ao seguinte cronograma:
FASE 1 (Ano 2020) Información e promoción dos servizos existentes, combinando diversos tipoloxías de transporte, como é a liña regular, o bus compartido ou o transporte á demanda.
FASE 2 (Ano 2021) Elaborar un informe de usos do transporte público e privado. Apertura dun proceso de participación para coñecer as demandas e necesidades da poboación, co que teriamos umha aproximación aos usos potenciais máis demandados pola poboación amarense.
FASE 3 (Ano 2022-23) Poñer en marcha un servizo de transporte público combinado que facilite a mobilidade das veciñas e dos veciños de San Amaro, acorde aos tempos e ás necesidades. Promoción e posta en valor do mesmo. Ordenamento dos espazos públicos -preferentemente os que favorezan o uso de transporte público ou doutros medios non contaminantes- con arranxo ás necesidades das/os usuarias/os, a uns criterios de sostilidade e pouco agresivos co entorno
No arquivo adxunto podes ver a primeira fase desta plan municipal de mobilidade do concello de San Amaro: