Concello e empresas da área industrial do Carballiño avanzan no proxecto de creación dunha comunidade enerxética, sería a primeira en Galicia
O equipo de goberno municipal do Carballiño , encabezado polo alcalde Francisco Fumega, e o Concelleiro de Industria, Manuel Dacal, reuniuse na Casa da Cultura, cos empresarios do parque empresarial do Carballiño, cita a que tamén acudiu a Xunta Directiva da Asociación da Área Industrial (AICA), encabezada polo seu presidente, Manuel Carballeda.
O obxecto fundamental deste encontro foi presentar as bases do que será a primeira comunidade enerxética de Galicia, mediante a instalación de paneis solares fotovoltaicos nas naves e instalacións industriais. A idea deste proxecto é que a comunidade xere, almacene e consuma a súa propia enerxía de orixe renovable a prezos mais competitivos, o que suporía un aforro importante na factura eléctrica.
Esta primeira toma de contacto tivo unha gran acollida polos representantes das empresas, que amosaron o seu interese mediante numerosas intervencións durante a exposición e a ronda final de dúbidas e preguntas.
O seguinte paso será a aportación, nas seguintes semanas, dos datos de consumo e a elaboración dun estudio previo e análise pormenorizado das facturas eléctricas, co obxectivo de ter unha idea inicial do que se pretende levar a cabo e así definir as necesidades enerxéticas de cada empresa.